Lousame, 8 de outubro do 2018 – O pleno de Lousame que debateu sobre si existe un proxecto para instalar un crematorio no municipio aprobou tamén a conta xeral, os festivos do 2019 e recibiu a unha nova concelleira do Partido da Terra.
A sesión comezou coa promesa de lealdade a veciñanza de Lucía Rodríguez Cao, quen dixo acatar a Constitución por imperativo legal. A nova concelleira do Partido da Terra tomou posesión da acta tres sesións despois do inicialmente previsto. A alcaldesa, Teresa Villaverde, deulle a benvida e desexoulle “que desenvolva o seu traballo con éxito”.
Conta xeral
o Pleno aprobou a Conta Xeral do Exercicio 2017, despois de ser informada favorablemente pola Comisión de Contas e exposta ao público sen que se recibise ningunha alegación.A sesión serviu tamén para aprobar os festivos locais para 2019: o 25 de abril (San Marcos) e o 4 de outubro (San Roquiño), novidade este ano xa que o tradicional San Lourenzo coincidirá en día non hábil o próximo ano. Ambos puntos foron aprobados cos 9 votos a favor de PP e PSOE e as dúas abstencións do BNG e do Partido da Terra.
Forno Crematorio
Sobre o proxecto do forno crematorio a alcaldesa comezou explicando que a empresa presentou “unha comunicación previa para o pintado da fachada. Despois se nos avisou de que se colocaran as letras (Crematorio) e se lles chamou para unha reunión. Acudiron cun representante legal, se lles pediu que retiraran as letras porque era algo improcedente, xa que alí non había crematorio ningún, e accederon”. Villaverde insistiu en que “non hai ningún proxecto presentado” e que “se o presentase, terán que axustarse á lexislación vixente”. Neste sentido, a alcaldesa lembrou que “a concesión de licencias é un proceso regrado e hai que seguir un procedemento. A lei non depende de quen goberna. Estamos falando de algo que non existe e pido tranquilidade á veciñanza porque aquí non hai nada”. Unha argumentación que utilizou para xustificar o seu voto en contra da moción do Partido da Terra: “se se presenta un proxecto e non cumpre a lei, a licenza será desfavorable e quedará xa en Urbanismo”. Un punto no que coincidiu o voceiro do PSOE, Julio Paradela, quen explicou que “votaremos en contra porque non hai proxecto” e preguntou sobre se houbera un cambio de titularidade na xestión do tanatorio e se se puido incumprir as condicións establecidas nas subvencións do LEADER, coas que se construíu o tanatorio en 2013. Villaverde explicou que “sabemos que se pediu un cambio de titularidade” pero lembrou que non é o Concello quen ten que decidir se houbo ou non incumprimento.
Xuízo
A outra moción do Partido da Terra non pasou o trámite de urxencia. Nela pedíase copia do expediente xudicial sobre o desfalco producido no Concello por un funcionario e que o letrado informase aos grupos da corporación en Comisión Informativa. Teresa Villaverde explicou que “foi esta alcaldesa, non a corporación, quen presentou a denuncia. Previamente se encargara unha auditoría económica porque dende Secretaría Intervención dicían que aquilo non era posible. Pero son eu quen vai denunciar á Fiscalía, non panfletos repartidos polas casas que eran motivo de presentar unha denuncia”. Neste sentido, Villaverde lembrou que “por tratar de sacar beneficio político non se pode inxuriar”, se ben considera que estas cousas “serven para recordar quen é cada quen”.
A alcaldesa de Lousame informou de que neste caso actuou e actuará “con total transparencia”. Así, explicou que “tardouse moito tempo en convocar o xuízo, cuxa data será o 13 de novembro. Hoxe recollín a citación en calidade de testigo e estarei aló con gusto de que isto se acabe e esa persoa sexa xulgada e acate o que lle corresponde”. Sobre a petición de información, lembroulle á concelleira que “todos estamos informados porque entreguei toda a documentación aos grupos políticos. Total transparencia neste tema”.