Lousame, 25 de maio do 2021 – O concello de Lousame prepara a segunda edición de “Lousame Coeduca” un programa de sensibilización contra a violencia de xénero para nenos de 3 a 16 anos.
Lousame celebrou a oitava mesa de Coordinación Interinstitucional fronte a violencia de xénero. O organismo foi presidido pola concelleira de, Silvia Agrafojo Filgueira, que deu conta das actuacións previstas polo Concello dirixidas á sensibilización e prevención da violencia contra as mulleres.
Na sesión participaron, ademais da propia concelleira, María Isabel Álvarez García, xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller en A Coruña; Pilar Cobas Cajuso, directora do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro; Avelino Rivadulla Iglesias, garda civil encargado das vítimas de VIOGEN; Natividad Hermo Santos, traballadora social de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade.
Lousame Coeduca
No encontro, todas as persoas integrantes da Mesa informaron e compartiron experiencias sobre as distintas actuacións levadas a cabo pola súa entidade en Lousame. Silvia Agrafojo aproveitou para anunciar que o Concello vai levar a cabo, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, a segunda edición do programa “Lousame Coeduca”, subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade.
Este programa de actividades de sensibilización está dirixido a poboación infantil e xuvenil, dende 3 ata 16 anos. Ten como obxectivo a desaparición dos roles e estereotipos de xénero, o bo trato, e a mellora da convivencia familiar e escolar. A iniciativa desenvolverase en colaboración coa comunidade educativa; colexio, ANPA e familias.
A concelleira explicou que nesta reunión púxose o foco sobre “a importancia da educación como ferramenta para erradicar a violencia de xénero das nosas sociedades. Unir as nosas forzas é imprescindible para poder dar unha resposta coordinada, aportar solucións e fomentar a igualdade en todos os eidos”.
Co alumnado ata quinto de primaria realizaranse obradoiros sobre estereotipos de xénero, corresponsabilidade familiar, visualización das mulleres da súa contorna e coeducación emocional. Desde 6º de Primaria e Secundaria levaranse a cabo obradoiros onde se traballará a erradicación dos estereotipos e da violencia de xénero mediante o cine, o teatro, o baile e a radio. Tamén se tratará sobre a resolución pacífica dos conflitos.