Lousame, 22 de xullo do 2018 – O Concello de Lousame pechou o orzamento do 2017 cun superávit de tesourería para gastos xerais de 213.363,29 euros e un aforro neto positivo de máis de 159.000 euros.
O equipo de goberno presentou estes resultados no pleno ordinario correspondente ao mes de xullo. A sesión comezou cun minuto de silencio na honra do ex concelleiro socialista recentemente falecido, Jesús Lago. A alcaldesa, Teresa Villaverde, tirou de estas contas “un balance moi positivo xa que se executaron nun 86,04% e como se indica no informe de secretaría-intervención, acadouse un “aforro neto positivo 159.400,23 euros”. Villaverde indicou que o superávit poderase utilizar para “levar a cabo diverso tipo de actuacións de mellora no municipio”.
Na sesión plenaria tamén se deu luz verde a dous recoñecementos extraxudiciais de crédito para realizar o pago de facturas pendentes. Un deles, por un importe de 15.775 euros, realizouse con cargo ao remanente de tesourería, aplicando, deste xeito, unha modificación extraordinaria de crédito, “non afectando nin a regra de gasto, nin ao endebedamento nin ao principio de estabilidade orzamentaria”, explicou a rexedora. En ambos os dous casos, o voceiro do PSOE, Julio Paradela, anunciou a abstención do seu grupo.
Na orde do día tamén estaba prevista a toma de posesión da edil de Terras de Lousame, Lucía Rodríguez Cao. Unha incorporación que non se realizou ao faltar a concelleira electa a esta sesión plenaria.