Bisbarra, 12 de setembro do 2023 – O conflito en torno a mina, e a mineira, de San Finx segue engordando nos xulgados e agora volve de novo á Relatora Especial da ONU.
A ONU tiña previsto tratar este verán a falta de información dos proxectos mineiros de San Finx e Varilongo. Agora Ecoloxistas en Acción engade unha denuncia polas denuncias presentadas pola empresa Tungsten, que consideran un xeito de acoso que tenta silenciar á organización.
Os ecoloxistas puxeron os feitos en coñecemento de Mary Lawlor, Relatora Especial das Nacións Unidas sobre a situación das persoas defensoras de dereitos humanos. Tungsten San Finx S.L., ven presentando denuncias contra as asociacións e organizacións que denuncian os vertidos. A última polo acto simbólico realizado en xullo que taponou durante breves instantes o tubo a través do que a empresa realiza vertidos ilegais.
A raíz desta protesta e dos escritos remitidos a Augas de Galicia por ese colectivo e a Plataforma comarcal contra as verteduras, vense de iniciar un procedemento sancionador que podería carrexar unha sanción de ata 300.000 euros á empresa.
A raíz da nova denuncia da empresa, que atribúe a Ecoloxistas en Acción un suposto delito de danos, o Xulgado de Instrución N.º 2 de Noia abriu dilixencias, sendo chamado a declarar como investigado o representante da organización.
Para as ecoloxistas, “isto non é máis do que unha tentativa desesperada da empresa de calarnos a través dunha acción xudicial contra a participación pública”, coñecidas como SLAPP en inglés, e que a Comisión Europea anunciou que perseguiría mediante a nova “Directiva SLAPP”.
É a segunda vez en menos dun ano que o grupo australiano Tungsten San Finx S.L., presenta unha denuncia falsa contra Ecoloxistas en Acción, que xa fora denunciada en 2022 ante o Xulgado de Negreira baixo un pretexto similar, meses antes de que a Xunta declarara a caducidade das concesións mineiras e de que se iniciase un procedemento sancionador por verteduras ilegais contra a mina de Santa Comba. Daquela, o Xulgado arquivou a demanda de inmediato por carecer de fundamento.
Aínda que desde a organización ecoloxista confían que o resultado desta volta será idéntico, decidiron denunciar o caso ante a relatora especial da ONU por tratarse dun uso sistemático do acoso xudicial tentando criminalizar e coartar os movementos sociais para que non denuncien as ilegalidades cometidas polas empresas.
Esperan deste xeito que a relatora, que ven denunciando este tipo de prácticas en todo o mundo, se dirixa ás autoridades xudiciais españolas para tomar medidas contra a empresa. En calquera caso, advirten que “ningún tipo de acción xudicial ou ameazas doutro tipo fará con que cese no seu traballo de denuncia das ilegalidades da mina de San Finx”.