Lousame, 13 de outubro do 2018 – A alcaldesa do Concello de Lousame, Teresa Villaverde, e o presidente do Club de Baloncesto Porto do Son, Juan José Filgueira, asinaron un convenio de colaboración entre ambas entidades para o fomento deste deporte entre os nenos do municipio.
No acordo co Club de Baloncesto Porto do Son, Lousame cederá as instalacións do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e achegará todo o material preciso, mentres que dende o equipo comprométense a impartir a formación, organizar ao longo do ano actividades para promover o baloncesto entre a veciñanza e a formar un equipo de minibasket que compita na Liga Federada da Delegación de Santiago da Federación Galega de Baloncesto.
A escola deportiva de baloncesto do Concello de Lousame botará a andar o próximo martes 16 de outubro, cando está prevista unha presentación da actividade aos nenos e nenas do CPI Cernadas de Castro. Dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos de idade, as clases impartiranse no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra os martes e xoves, en horario de 14:15 a 15:15 horas. O prezo da actividade será de 15 euros/mes. Máis información e inscricións en cbportodoson@gmail.com, por whatsapp no 639 941 364 ou na oficina de Deportes do Concello de Lousame (981 825 780).