Lousame, 2 de xuño do 2018 – O campo da festa de San Roquiño, en Lousame, acolle hoxe sábado, a partir das 12:00 horas, a novena edición da Festa Gastronómica do Carneiro.
A Festa está organizada pola asociación cultural San Roquiño en colaboración co Concello de Lousame. Comezará ás 12:00 horas co Encontro de Música Tradicional, no que participarán o grupo de pandereteiras da UNED Sénior de Lousame e o grupo de gaitas O Son do Pote.
Entre as 13:30 e as 17:30 horas terá lugar a degustación de racións de carneiro feito segundo a tradición de San Roquiño, acompañado de pan e viño a 12 euros. Un servizo de comida baixo carpa cuxa segunda quenda comezará ás 21:00 horas ata acabar existencias: un total de 350 quilos de carneiro lousamiá. Tamén haberá discoteca móbil, tanto a mediodía como na noite.