Lousame, 1 de decembro do 2020 – O Pleno Municipal de Lousame acordou solicitar iniciar o último trámite para a adxudicación da segunda fase do proxecto de aforro enerxético.
A sesión dou o visto bo á clasificación de empresas que optaban a realizar os traballos. Ao mesmo tempo aprobou dirixirse á primeira clasificada para que presente a documentación necesaria no prazo de 10 días.
11 empresas presentadas
Ao contrato presentáronse 11 empresas das que unha quedou fora por chegar fora de prazo. Outras dúas foron desestimadas por incumprir os requirimentos técnicos esixidos na convocatoria. Dúas decisións da mesa de contratación que foron tamén ratificadas no transcurso do pleno.
Un orzamento de 700.000 euros
A Fase II do proxecto “Actuacións de aforro enerxético nos alumeados públicos do Concello de Lousame” conta cun orzamento base de licitación de 736.340 euros, dos que o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) financia o 80% grazas aos Fondos FEDER, mentres que o Concello de Lousame achega o resto.
Dáse a circunstancia de que Electricidad Cruceiro SL tamén foi a empresa adxudicataria da primeira fase do proxecto, licitado por 136.100 e que supuxo a substitución de 348 puntos de luz do alumeado público en Portobravo, na pista de Cruído, Berrimes e na parroquia de Lousame.
Proxecto
Na auditoría enerxética dos 2.148 puntos de luz existentes en Lousame especifica que o municipio conta cunha potencia instalada de 212.573 kW e un consumo anual de electricidade de 914.065 kWh/ano, o que supón un gasto anual de 142.194 euros anuais. Teresa Villaverde explica que “esta actuación suporá unha redución do gasto de máis de 95.500 euros anuais e unha minoración de máis de 500.700 kWh de consumo enerxético. Unha vez reformadas, todas as instalacións terán cualificación enerxética A”.
“Existen actualmente varios alumeados municipais que están deteriorados polo paso do tempo e con equipos obsoletos polo que é preciso a súa renovación para minorar o gasto enerxético, minorar o gasto de mantemento a través do aumento da vida útil das luminarias, mellorar as condicións de confort visual e adecuar as instalacións ao regulamento vixente”, xustifica Villaverde Pais.
Para conseguir esa redución do gasto, o Concello de Lousame empregará tecnoloxías máis eficientes, reducirá a potencia instalada, axustará os horarios de acendido e implementará sistemas de regulación do consumo horario de madrugada. “Imos substituír as luminarias que temos agora, algunhas aínda de vapor de mercurio, por outras máis eficientes tipo LED”, puntualizou a alcaldesa, “ademais de renovar os centros de mando actuais, que están deteriorados polo paso do tempo; renovar varios tramos do cabreado para evitar perder enerxía; e instalación de acendido mediante reloxo astronómico dos cadros eléctricos existentes”. Así mesmo, o Concello substituirá as luminarias próximas a estradas para elevar a posición da fonte de luz e conseguir un alumeado máis eficiente.