Lousame, 12 de febreiro do 2021 – A pandemia mudo todas as festas pero tamén avivou o enxeño como no caso do concello de Lousame que este ano propón un entroido en igualdade,
Os departamentos de Cultura, Igualdade e Deportes do Concello de Lousame uníronse para crearesta iniciativa. O entroido en igualdade busca unir, de xeito virtual como obriga a situación, o tradicional entroido coa celebración do Día Internacional da Muller.
Polo concello disfrazados
Os participantes deberán disfrazarse e buscar sete paneis con palabras chave sobre igualdade para facerse unha fotografía nestes espazos. As palabras estarán dispostas en sete puntos de interese do concello de Lousame: Tállara, nos muíños de Carantoña; Lesende, no pozo do Capitán; San Xusto, na ponte de madeira de Toxosoutos, fronte ao albergue; Vilacova, na vagoneta das Minas de San Finx; Fruíme, no busto de Diego A. Cernadas de Castro, no adro da igrexa; Camboño, na capela da Gorgosa e Lousame, nos muíños de Brandia-.
As fotografías deben enviarse posteriormente ao igualdadelousame@gmail.com e nesta mensaxe haberá que detallar o nome e apelidos do participante ou participantes e un teléfono de contacto. As persoas que envíen o correo deberán ser maiores de idade e asumir que o Concello de Lousame publicará as imaxes enviadas nas redes sociais. O prazo para participar comeza o vindeiro 13 de febreiro e remata o 7 de marzo. O día 8 publicarase a lista de todos os participantes para proceder ao sorteo.
Os participantes poden enviar fotografías diferentes con unha, tres, cinco ou sete palabras-chave e en función do número de imaxes que envíen entrarán en distintas categorías do sorteo. Todos os que envíen sete imaxes participan no sorteo de tres vales por importe de 200 euros; entre os que envíen cinco fotografías sortearanse tres vales de 150 euros; os que adxunten tres imaxes diferentes poderán optar a gañar un dos tres vales de 100 euros e aqueles que envíen unha única fotografía optarán a un dos 10 vales de 50 euros. Todos os vales poden trocarse en establecementos de venda de material deportivo.
A proposta, coa que se pretende sensibilizar sobre a igualdade entre homes e mulleres, diríxense ás familias e ten carácter lúdico, posto que conxuga o tempo de lecer do entroido coa actividade física e co coñecemento do patrimonio natural e cultural do municipio.
Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura, explicou que “esta iniciativa é froito dun intenso traballo multidisciplinar entre os distintos departamentos municipais. O obxectivo era propoñer unha actividade orixinal coa que animar estas datas de Entroido e, ao mesmo tempo, contribuir á consolidación dos valores de igualdade que conmemoraremos o vindeiro 8 de marzo”.
