Ames, 29 de xaneiro do 2019 – A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 1 de febreiro, a partir das 21.00h a comedia Loló e Mamá, que xira en torno ao vínculo nai-filla.
Loló e Mamá explora a situación que se desata cando Mamá, reporteira de guerra, queda no paro e decide instalarse na casa da súa filla, Loló, ao outro lado do océano. O que podería converterse nun momento perfecto para afianzar lazos tamén pode resultar nunha bomba de reloxería detonada pola convivencia de dúas persoas que non se encontran demasiado unidas. Como acolle unha filla a volta da súa nai? Como se adaptan unha nai e unha filla cando é esta última a que ofrece casa e sustento? Canto tempo pode pasar até que a guerra comece definitivamente?. A obra, dirixida por Esther Carro d´Eguas e producida por De ste xeito Producións, resulta nunha reflexión en clave de humor sobre que as cousas case sempre son máis difíciles do que nos gustaría e, sobre todo, que canto máis se ama, máis se sofre.
Loló e Mamá representase este venres, 1 de febreiro, na Casa da Cultura do Milladoiro a partir das 21.00h. As entradas, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, teñen un custo de 5 euros en tarifa xeral, e 2,5 euros na reducida.