Melide, 19/06/2026 – O equipo de Goberno do Concello de Melide lamenta a “falta de responsabilidade” do PP no que atinxe á seguridade dos usuarios e usuarias da área recreativa de Furelos.
O Goberno local sae así ao paso das declaracións feitas polo Grupo Municipal do PP nas que reclaman a apertura “inminente” das piscinas exteriores cando coñecen “ou deberan coñecer” a situación na que se atopa a zona logo das obras que está a realizar Augas de Galicia.
O espazo verde que dá acceso ao río, a que se emprega para tomar o sol nas hamacas e a zona de esparexemento atópanse valadas por mor das obras que está a levar a cabo Augas de Galicia, polo que o Goberno local considera “o máis prudente e aconsellable” non adiantar a apertura das instalacións anexas.
Ademais disto, unha vez que remate a primeira fase das obras que esta a acometer Augas de Galicia, será preciso acondicionar a zona para o seu uso por parte dos bañistas.
A previsión do Goberno local é que as instalacións poidan abrir ao público a maior brevidade posible, unha vez rematados os traballos de acondicionamento precisos e se cumpran as condicións indispensables de seguridade que permitan que usuarios e usuarias desfruten das piscinas e da zona verde “sen risco algún”.
