Ames, 14 de decembro do 2018 – Cunha duración de catro anos e un investimento de máis de 177.000 euros o concello de Ames ven de licitar a Administración Electrónica do concello.
O novo contrato ofrecerá ata 121 funcionalidades para o persoal do concello. A Administración Electrónica financiase con fondos do plan Impulsa Ames, parte da convocatoria europea de Estratexias de Desenvolvemento Urbano (DUSI), e do programa de fondos europeos de crecemento, FEDER.
A actual plataforma ten numerosos problemas e unha implantación moi baixa nos procesos que se seguen no concello. Con esta licitación búscase implantar unha plataforma de traballo completamente nova que permita o subministro, instalación, configuración, probas e posta en produción dos sistemas de tramitación e xestión administrativa e substitución do rexistro actual por un sistema que integre o rexistro físico e telemático. Así, preténdese que a nova aplicación incremente procedementos para tramitacións internas e de cara ao cidadán, dun xeito máis doado e que non teña as complicacións actuais.
A nova Sede Electrónica permitirá o inicio de trámites administrativos, presentación de documentación, acceso á documentación dos expedientes co Concello, o pago de impostos, procedementos relacionados co padrón, factura electrónica, etc… un cambio de fondo e contido con respecto á situación actual. A aposta do goberno municipal pola modernización da Administración será completa e de entrega en man, de xeito que o adxudicatario proporcionará a solución íntegra con todos os módulos e formación para todo o persoal do Concello, así como o mantemento necesario durante todo o período de prestación. Os pregos técnicos aprobados recollen todas as características necesarias que o Concello recadou no estudio previo, realizado a través da Axenda dixital e que completa máis de 200 requisitos que debe cumprir a nova plataforma dixital.
Rexistro electrónico
A licitación da Administración electrónica que se inicia neste ano dá continuidade aos pasos dados ao longo dos últimos tres anos como a posta en marcha do portasinaturas, do rexistro electrónico ou do módulo de secretaría que permite ata o día de hoxe a tramitación parcial electrónica de expedientes. A aplicación da recente Lei 39 e 40 do procedemento administrativo xa é unha realidade no Concello de Ames, que foi un dos primeiros en entrar a formar parte do SIR (Servizo de Interconexión de Rexistros) polo que todas as empresas tramitan co Concello de xeito electrónico.