Padrón, 18 de marzo do 2018 – O concello de Padrón presentou o libro de Pascua, editado desde o ano 1957, que recolle parte da historia e lembra a persoeiros destacados da vila.
O Libro de Pascua ten unha tirada de 1.200 exemplares e conta con 178 páxinas. Ademais de 200 anuncios publicitarios, contén 18 artigos e reportaxes aportados por 14 autores e colaboradores:
O municipio de Padrón, Padrón monumental e Empresas padronesas, de Juan Ramón Baliñas Bueno; Bendición da igrexa de Santiago Apóstolo en 1867, Lembrando a Ángel Grela López e Acerca da tumba de D. Alonso de la Peña Rivas e Montenegro, de Ángel Rey Castro; Dez anos non son nada, da Charanga O Santiaguiño; Cincuenta anos de saudade estudiantil, de Gonzalo Manuel Castaño Solar; Os aproveitamentos hidroeléctricos no río Ulla, de X. Carlos Beiró Piñeiro; Dr. D. José Sebe Méndez: médico de vocación e padronés de corazón, de Arturo Manuel Reboyras Villaverde; Olladas, de Germán Cruces Rajoán; As lidas de xovencos na vila de Padrón, de Eloy Rodríguez Carbia; A capela de Santiago na colexiata de Iria, de Justo Cortizo Sóñora; Artesanía padronesa: os zapateiros, de Finita Villaverde, Tempada 2017 do Cortizo-Anova, do propio club ciclista; O son das campás, de Alberto Rey Castro; A taberna do pan de millo, de Carlos Blanco Arca; e Para ti, viaxeiro, de José Castro Cajaraville.
Ademais de detallar a programación de actividades, o libro tamén inclúe fotografías antigas da vila de Padrón aportadas por Kiko Piñón, Antonio Fernández Muñiz e Ángel Rey Castro, que permiten lembrar instantes históricos como a inauguración da Praza de Macías en 1920, a celebración das Festas do Día de Galicia en 1945 ou a inauguración do monumento a Rosalía de Castro no Paseo do Espolón en 1957.
No tradicional saúdo do alcalde, Antonio Fernández Angueira agradece “a todos aqueles autores e anunciantes que seguen a colaborar na edición deste libro, converténdoo nunha mirada retrospectiva cara aspectos relevantes da nosa historia, pero tamén nunha crónica oficial do que ano tras ano acontece no noso concello”.
Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Lorena Couso, destaca no seu limiar que o Libro da Pascua é unha publicación da que se ten constancia por primeira vez no ano 1926 e que desde o ano 1957 “forma parte indisoluble e ininterrompidamente da tradición das Festas da Pascua”. Neste senso, destaca que nas páxinas deste libro escribiron, entre outros autores, insignes persoeiros e intelectuais como Otero Pedrayo, Antón Fraguas, Modesto Figueiredo ou Abuín de Tembra.