Lalín, 24 de xuño do 2022 – Ven de sair do prelo a terceira edición, mellorada e actualizada, do libro “A Casa do Patrón, o gran Ecomuseo do mundo rural galego”,
O libro do que é autor o fundador e xerente do museo, Manuel Banco Villar, está promovido pola Asociación Amigos do Museo Casa do Patrón. Trátase dun volume de gran formato composto por 208 páxinas, más portadas con lapelas a toda cor, encadernación rústica cosida.
O libro da Casa do Patrón percorre a a historia, o contido, a contorna e as actividades desenvoltas por este Museo dende o comezo da súa andaina, fai case 27 anos, ata o momento presente. A edición conta ademais con numerosas fotos e ilustracións, que lle aportan á obra moito colorido e unha gran beleza plástica.
O libro é ao mesmo tempo unha guía da exposición. Ademais de narrar a historia e o nacemento do museo fai un repaso das catorce salas de exposición actuais do Museo, espalladas nos tres edificios, a capela e a recreación da casa castrexa.
A Casa do Patrón chega, entre exposicións permanentes, temporais e almacén, a 6000 apeiros, 1200 miniaturas etnográficas e 24 000 restos arqueolóxicos mobles do castro e as mámoas de Doade. Estas cifras converten ao lugar na maior colección etnográfica de Galicia, tanto en tamaño, como en variedade expositiva.
O libro tamén recolle a contorna desde os principais accesos a aldea de Codeseda, o castro, as mámoas e os petróglifos de Doade, ata as rutas de sendeirismo (PR-G210-Ruta do Castro de Doade e a Ruta da Prehistoria de Doade).
O libro revisa as distintas actividades que a Casa do Patrón realiza ao longo do ano e entre as que destaca a Malla tradicional declarada “Festa de Interese Turístico de Galicia” e que volverá a celebrarase tras dous anos de pandemia o vindeiro 20 de agosto.
Como remate o volume vota unha olla ao futuro falando de ampliación e dinamización do Museo, tendencias do nos vindeiros anos.
Un libro histórico, etnográfico e arqueolóxico, pero sobre todo, de carácter didáctico, no que atopar, dende as 7 campañas arqueolóxicas promovidas polo Museo no castro de Doade, ata a axenda labrega da Comarca de Deza, pasando polas actividades da Casa do Patrón (a malla, o liño, saúde e vida natural, o Nadal), o estudo e descrición de numerosos oficios artesáns xa desaparecidos, múltiples obradoiros, demostracións e recreacións, música tradicional galega, a aldea de Codeseda, o castro de Doade e a súa contorna, así como unha visita guiada ás grandes e variadas exposicións da nosa Entidade.