Lindeiros quere estar con Laura Bugalho nun momento no que precisa o apoio de todo o mundo, aqueles que en moitas ocasións recibiron a súa axuda e os que sempre admiraron a súa valía.
Lindeiros entrevistou a Laura Bugalho hai moitos anos e desde aquela debémoslle unha conversa. Chegará máis agora o importante é o apoio. Deixamos que ela mesma conte o que precisa de vos:
“Quen vos escrebe sempre foi máis de estar con vós, atinxir as vosas inquedanzas, pular por melloras de cada quen e de loitar polas colectividades que para min sempre foron unha. Únenos o sabernos as persoas excluídas e vapuleadas polo poder.
Nunca busquei na miña vida ser cabeceira de preocupacións, encántame saberme parte de vós e da vosa vida. Comprometinme e seguirei estando ao pé da procura de conquistas.
Escrebo cun nó na gorxa, sinceramente, apurada por circunstancias que me provocaron persoas que desvirtuaron a familiaridade cosanguínea. Embarcáronme nunha orde de desafiuzamento da casa materna esquecendo os tres anos entregados en corpo e enerxía ao coidado da nai común. O pasado 6 de maio do 2023, data na que debería estar a celebrar o meu aniversario, conseguín co apoio xurídico parar ese intento ruín de botarme á rúa sendo eu copropietaria, tendo eu o cincoenta por cento da propiedade.
Mercé a ese asesoramento xurídico quedei cunha débeda de 24.000€ que ameaza a ser incrementada toda vez que me resulta imposíbel facerlle fronte.
É cuestión de clase, quen todo ten despreza a que saben que non ten medios económicos mais non saben que son rica en alianzas e amizades.
Escrebo apelando a vosa solidariedade, con certo sensabor de que non me gusta saberme centro. A situación para min é moi preocupante.
Sempre sostiven e sosterei que a nosa Solidariedade é imparábel, e estou convencida de que un outro mundo é posíbel. Vaia con vós o meu compromiso renovado.
Agradezo á Cristina e á Daniela reflexión desta actuación.
Sempre con vós, recibide o meu cariño.”
Agradecémosche moito que poidas contribuír cunha axuda para que a nosa querida Laura Bugalho poida sufragar os gastos de asesoramento legal e saia por fin, desta situación límite na que se viu.
Ela que sempre foi, e é, xenerosidade e entrega para as persoas expulsadas ás marxes, merece toda a nosa solidariedade.
Colabora aportando o que poidas ou difundindo esta campaña.
Por xustiza e recoñecemento a quen tanto queremos.