Lalín, 21 de decembro do 2016 – O Instituto Nacional de Estatística (INE) fixo públicos os datos do padrón de habitantes a 1 de xaneiro de 2016.
A cifra, certificada agora, logo de diversas depuracións, dá un total de 20.044 veciños e veciñas censadas en Lalín, unha cantidade que será a oficial para este Concello ata o peche dun novo padrón en decembro do ano que vén e que permitirá estar durante este período entre os concellos de primeira categoría.
Lonxe de ser esta unha estatística que transmita calma e optimismo, no Concello faise un “contundente chamamento a non baixar a garda e seguir traballando sen descanso para que a xente se conciencie do importante que é manterse por riba dos 20 mil e das dificultades que isto vai supor a curto prazo”.
Estas dificultades reflíctense, por exemplo, nas cifras que manexan os responsables do rexistro de habitantes, que estiman que a finais deste mes o municipio roldará unicamente os 20.010 residentes. “Seguimos estando no límite do límite”, alértase dende o Concello, “e temos que seguir sumando esforzos ante esta crítica situación para salvar a categoría ”.
“Os datos do INE” -indicou pola súa parte o alcalde- “dan mostra do gran traballo realizado por parte do Goberno o ano pasado para o fomento do empadroamento, pero en vez de confiarnos temos que seguir loitando para continuar cumprindo os obxectivos”. Neste sentido lembrou que o Concello mantén activa dende hai un mes unha nova campaña de empadroamento baixo o lema “Lalín medra contigo”, que se intensificará nestes últimos días do ano “coa finalidade de gañar habitantes, pero tamén de concienciar á cidadanía do moito que nos xogamos no caso de perder a categoría e do importante que é estar censado cando un vive en Lalín”.
“As cifras coas que traballa o rexistro e que se pecharán a 31 de Nadal” -prosegue- “son moi baixas e amosan un elevado risco de perder os 20 mil habitantes, polo que non podemos relaxarnos”. “Por cada nacemento morren unhas 3 persoas en Lalín”, di Rafael Cuíña “polo que a situación é crítica”, solicitando, ao mesmo tempo, “que nos derradeiros días do ano haxa unha maior implicación por parte de todo o mundo para que Lalín permaneza entre os municipios de Galicia de primeira categoría”.
“Estamos no momento decisivo e temos que continuar empregando a pedagoxía para tratar de convencer a aqueles que vivindo en Lalín aínda non se empadroaron e conciencialos do do importante que é para o futuro de todas e todos os que formamos este gran concello non perder a categoría”, concluíu o rexedor.