Lalín, 24 de xaneiro do 2020 – O alcalde de Lalín, Xosé Crespo anunciou en Fitur a consecución pola Feira do Cocido da distinción de Festa de Interese Turístico Internacional.
Crespo recibiu a comunicación do galardón para a Feira do Cocido da Secretaria de Estado de Turismo na presentación do xeodestino Deza-Tabeirós-GDR Pontevedra, que tivo lugar na Feira de Turismo Internacional que se celebra en Madrid.
A primeira gastronómica
Xosé Crespo fixo fincapé en que “hai moitas -Festas de Interese Turístico Internacional- Semanas Santas, algunha como a Rapa das Bestas e varias de viños como a de Cambados, pero no que se refiere á gastronomía só a nosa; por iso somos a primeira. Polo tanto sentímonos moi orgullosos dese honor; é un día moi especial de satisfacción para o Concello de Lalín, levamos moitos anos traballando pola internacionalización do Cocido, antes de ser Festa de Interese Turístico Nacional xa estabamos traballando para que fose Internacional; xa hai vinte anos que comezamos, así que temos a satisfacción do deber cumprido e un bo colofón”, remarcou.
Pola súa parte, o conselleiro de Cultura e Turismo, defendeu que “o Cocido de Lalín é máis que un prato de comida, é un elemento de desenvolvemento que xera moita actividade económica e emprego e que tamén identifica a un pobo”, sostivo.
Así mesmo Román Rodríguez destacou o Cocido como “elemento referencial” da gastronomía galega porque a súa influencia “aínda que se celebra só nun concello como tal, chega ao conxunto dos municipios das comarcas e me atrevería a dicir de toda Galicia”. “Hoxe temos unha noticia moi positiva primeiro para Galicia, segundo para Pontevedra Norte e terceiro e moi concreta, para Lalín”, dixo. “A Feira do Cocido de Lalín vén de dar un paso cualitativo espectacular, vai ser declarada xa Festa de Interese Turístico Internacional”, incidiu.
A distinción de Festa de Interese Turístico Internacional supón o máximo recoñecemento que se pode acadar no eido turístico algo que ata o de agora só conseguiron 11 celebracións en toda a Comunidade galega. Cómpre destacar ademais que a Feira do Cocido de Lalín convértese na primeira festa gastronómica en acadar este recoñecemento en toda España.
