Lalín, 9 de decembro do 2017 – O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e o concelleiro de Comercio e Emprego, José Manuel Fernández, asinaron esta mañá o convenio de colaboración coa Asociación de Empresario de Deza, AED para desenvolver un programa de promoción do comercio.
En virtude deste acordo, o Concello realiza unha achega de 35 mil euros en concepto de subvencións nominativas para a realización das diferentes actuacións recollidas nesta iniciativa. Por parte da agrupación empresarial estiveron presentes na rúbrica o presidente da AED, Antonio Lamas, e a secretaria, María Jesús García.
O rexedor afirmou que “o Concello de Lalín está en números absolutamente históricos de colaboración coa AED”, lembrando que ademais desta aportación económica o Concello xa financiou o ano pasado con 26 mil euros un estudo de comercio para sentar as bases da estratexia do comercio e o urbanismo en Lalín de cara o futuro.
Así mesmo, aos 35 mil euros que xa están a disposición da AED, hai que sumarlle outros 25 mil que, como adiantou o alcalde, serán entregados nos primeiros meses de 2017, dando cumprimento ao convenio e establecendo unha axuda total de 60 mil. Esta achega servirá para poñer en marcha un completo programa de actividades en aras de potenciar e dinamizar a actividade do comercio local. Esta programación será deseñada practicamente na súa totalidade pola AED, non obstante, foi creada unha comisión de seguimento mixta, que servirá para supervisar o desenvolvemento das diferentes iniciativas.
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, salienta que “a aprobación deste convenio supón unha nova mostra do decidido e inequívoco apoio ao sector empresarial e comercial de Lalín que está a demostrar o Goberno municipal dende o inicio de mandato”. Nesta liña, o rexedor salienta que “con estes 35 mil euros de axuda xa se está a multiplicar por sete a cantidade coa que habitualmente se subvencionaban as accións da Asociación de Empresarios de Deza”. O rexedor tamén destacou que o comercio de Lalín “é un comercio de moita calidade, que está repuntando con aperturas como non había nos últimos anos e que con acordos coma este seguimos axudando a medrar”.