Lalín, 7 de abril do 2019 – O Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Lalín, coordinado dende a concellería de Urbanismo por Nicolás González Casares e que vén de ser entregado ao Concello, detalla nun dos seus puntos varias medidas para mellorar a xestión dos aparcamentos.
As propostas realízanse tras estudar a oferta e a demanda de aparcamentos do casco urbano e formular un amplo diagnóstico, pois constitúe un elementos básico que condiciona a mobilidade en vehículo privado e, polo tanto, inflúe na implantación dun sistema sostible de mobilidade. O documento establece propostas concretas para a mellora da xestión da zona azul, do campo da feira ou das zonas de proximidade. Neste aspecto, o PMUS pon de relevo o papel que as novas tecnoloxías da información e a comunicación xogan na xestión da cidade e na resolución de problemáticas relacionadas coa mobilidade como por exemplo a xestión diaria do tráfico e o aparcamento.
Dende o Concello lémbrase que algunhas das iniciativas propostas para mellorar o estacionamento xa están planificadas e a piques de poñerse en marcha a través do plan Smart City Lalín contemplado na estratexia Edusi Lalín Suma 21.
Xestión da zona azul
Con respecto á actual xestión da zona azul o PMUS contempla varios obxectivos, mantendo sempre o servizo gratuíto como na actualidade:
Estes pasarían por adecuar o número de prazas en función das características actuais de cada zona, estudar a posibilidade de ampliar a outras zonas con necesidade de rotación o estacionamento regulado e implantar novos modos de xestión para alcanzar un uso eficiente do aparcadoiro en superficie dispoñible a través da instalación dunha APP que permita realizar un control centralizado dos vehículos estacionados e o abono das multas a través da mesma. Tamén se busca desenvolver novas zonas reguladas, coñecidas como de Parking Express asociadas ás principais zonas comerciais.
Deste modo, proponse a ampliación do número de prazas da ORA nas inmediacións das rúas Principal e Joaquín Loriga, como por exemplo aumentar as existentes na Avenida Cacharela, ou incluír en zona azul as Rúas Matemático Rodríguez e Monte Faro, situadas na zona máis comercial e nas proximidades de centros atractores. Destas novas prazas, unha porcentaxe do 10% estableceríanse como prazas de aparcamento tipo parking exprés, é dicir con estancias entre 30 e 45 minutos, que permitan unha maior rotación e a dispoñibilidade de aparcamento para a realización de xestións de corta duración. O documento tamén propón a posta en marcha dunha aplicación, que neste caso xa está proposta na Smart City, que controlará os tempos de estacionamento avisando ao usuario sobre cando finaliza o tempo de aparcamento permitido, eliminará a utilización do disco e facilitará o control por parte dos axentes. Así mesmo, e tamén contemplado na Smart City para as rúas Principal e Loriga, contémplase a instalación dun sistema de cámaras nas vías de sentido único que permitirá o control de entrada e saída de vehículos dando información ao usuario sobre a dispoñibilidade de prazas.
Campo da Feira
O aparcadoiro do Campo da Feira dispón de 153 prazas de aparcamento libre. Durante o horario de mañá o índice de ocupación é medio-alto diminuíndo notablemente durante as tardes. Presenta en xeral un porcentaxe de rotación menor ao tratarse dun espazo de aparcamento gratuíto non regulado. Dentro do Plan da Smart City Lalín, xa está incluído a mellora da xestión e do control das prazas de aparcamento do Campo da Feira, así como a motorización das prazas dispoñibles no mesmo. O PMUS propón, ademais, establecer unha regulación das prazas de aparcamento existentes, establecendo un tempo de permanencia máximo de 4 horas axustado ao horario comercial (de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00), sempre gratuíto. Para iso instalaríanse cámaras de rexistro da entrada e saída do aparcamento que permitan levar a cabo un control de entrada e saída e, polo tanto, do tempo de estacionamento durante o horario de servizo. Desta maneira evitaríase o uso deste espazo como aparcadoiro privado, con vehículos estacionados durante días como acontece na actualidade. Pola súa localización no centro da cidade, coa instalación deste sistema preténdese conseguir unha maior rotación e unha maior facilidade de acceso ás zonas comercias.
Aparcamentos de proximidade
O Plan de Mobilidade propón áreas de estacionamento de proximidade para diminuír o tráfico de vehículos privados no centro, coas consecuentes melloras por redución de emisións e liberación de espazo público para outros medios de transporte. Estás áreas tamén minorarían as problemáticas de aparcamento sobre todo durante as festas ou feiras nas que o grado de saturación das vías urbanas é maior. Porén, e como xa propuxo o Goberno no seu momento, co rexeitamento da oposición, o plan recolle a necesidade de acondicionar a parcela situada no entorno dos xulgados para o seu uso como aparcadoiro en momentos puntuais de maior demanda. As principais actuacións necesarias son: Acondicionamento da parcelas como zona de aparcamento. A actuación incluiría a retirada de terra vexetal, e a execución dun pavimento adecuado e a correcta sinalización do mesmo desde os puntos de acceso á vila.
Mellora da sinalización e itinerarios de acceso
Por último, o documento considera que unha das maneiras de reducir o tráfico na zona centro é mediante a mellora da actual sinalización e a instalación de paneis informativos (número de prazas dispoñibles, horarios gratuítos) dos aparcamentos de Aldea Grande e do Campo da Feira, proposta xa incluída no Plan Smart-City de Lalín. O principal obxectivo é reducir tanto o tempo de viaxe do vehículo como o tráfico que percorre o centro urbano na busca dunha praza de aparcamento. Deste xeito, proponse establecer nova sinalización vertical complementaria á existente. A idea sería establecer ao longo dos principais eixos viarios de acceso a Lalín a sinalización relativa ao itinerario de acceso aos aparcadoiros. Dita sinalización colocaríase nas principais interseccións dende as diversas entradas a vila ata os dous aparcamentos existentes. Instalaranse paneis dixitais de información variable nos principais accesos á vila, como na Praza dos Cabalos ou na Avenida Bos Aires e no entorno do Concello. Estes paneis incorporarán información relativa ao estacionamento nas vías principais de acceso á cidade e proporcionarán información do horario gratuíto do aparcamento de Aldea Grande, así como do número de prazas dispoñibles tanto no aparcamento de Aldea Grande como no do Campo da Feira.