Compostela, 11 de maio do 2017 – A Real Filharmonía de Galicia actua as oito de esta tarde no Auditorio de Galicia acompañada polo viola polaco Krzysztof Chorzelski e baixo a batuta de Diego García Rodriguez.
O concerto comezará con Murmurios do bosque, a pasaxe máis popular da ópera Sigfrido do compositor romántico alemán Richard Wagner (1813-1883). No segundo acto, Sigfrido, o heroe, tras conseguir derrotar ao dragón que custodia o tesouro do Rhin, descansa baixo unha árbore, entre os murmurios do bosque. É un dos cadros máis bonitos de Wagner, unha escena idílica á que o propio compositor referiuse como “a melodía dos bosques captada e feita poesía”.
A continuación o público terá a oportunidade de escoitar o Concerto para viola de Penderecki (1933), que nesta ocasión será interpretado polo viola polaco Krzysztof Chorzelski, que desenvolve unha diversificada carreira como intérprete por todo o mundo. Toca con regularidade nas salas máis importantes como o Wigmore Hall de Londres, Konzerthaus de Viena, Concertgebouw de Ámsterdam, Châtelet de París, Philarmonie de Berlín ou Carnegie Hall e Lincoln Center de Nova York. As súas gravacións reciben os galardóns máis prestixiosos do campo da música de cámara.
Krzysztof Chorzelski é profesor de viola na Guildhall Scholl de Londres e regresa con frecuencia a Polonia para impartir clases na Academia Chopin e na Escola de Música Elsner. Ofrece habitualmente clases maxistrais de viola e música de cámara en Suíza, Polonia, Romanía, Israel e Colombia. Tamén estudou dirección de orquestra.
O concerto continuará coa obra Blumine do compositor postromántico Gustav Mahler (1860-1911). E finalizarán con Jenufa Rapsodia do checo Leos Janácek (1854-1928).
O público de Santiago poderá manter un encontro previo co director galego Diego García Rodríguez as 19.45 na sala Mozart presentando a entrada do concerto.
Diego García Rodríguez é natural de Escarabote, no municipio coruñés de Boiro. Despois de obter o Máster en Dirección de Orquestra na Escola Superior das Artes de Zúric, continuou a súa formación no Reino Unido, onde dirixiu obras como Madama Butterfly e As vodas de Fígaro. Traballa con regularidade con orquestras en España, Inglaterra, Francia, Suíza e Polonia.
No campo operístico debutou como director musical no Teatro Real en 2015 coa produción Hansel e Gretel de Humperdinck. Dirixiu a estrea mundial de It makes non difference…, ópera de cámara do compositor italiano Simone Spagnolo no festival Tête à Tête en Londres; Carmen de Bizet en Opéraa Baltycka de Gdansk (Polonia); así como a produción do Centro Dramático Galego A ópera dous tres reás, con dirección escénica de Quico Cadaval e protagonizada por Luís Tosar; ademais de senllas producións do barbeiro de Sevilla e Rigoletto no Teatro Vitoria Eugenia e no Kursaal de San Sebastián.
É o director artístico e musical do Taller Atlántico Contemporáneo, ensemble co que desenvolve unha intensa actividade a favor da música contemporánea e a colaboración con outras disciplinas artísticas.