Compostela, 11 de abril do 2018 – Juan Viaño presentou o seu programa electoral e ao equipo que o acompaña na súa candidatura. Co lema Somos USC. Somos Dixitais o actual reitor presenta un programa pensado na transformación dixital da USC.
Juan Viaño destacou no acto que é a primeira vez na historia da USC na que se presenta unha candidatura formada maioritariamente por mulleres. Viaño estivo acompañado de todos os membros do seu equipo, formado por seis mulleres e cinco homes. ”Presentámonos cun equipo que contribúe a rachar co teito de cristal co que se atopan as mulleres no seu desenvolvemento profesional. Cremos no talento e na profesionalidade das mulleres e agora demostrámolo”, afirmou Viaño.
O programa está formado por dúas partes diferenciadas. Nunha primeira parte, analízase e actualízase a misión e a visión da USC como universidade pública de calidade. Explícase o novo enfoque na oferta formativa, na investigación, na transferencia e na internacionalización. No documento defínese tamén a responsabilidade que debe asumir a USC, especialmente nos aspectos económicos e “garantir a solvencia suficiente para poder acometer a transformación que require a USC”, afirmou Viaño. Do mesmo xeito, no programa electoral defínese con detalle a función que debe asumir a USC como motor da economía e da sociedade local das cidades de Santiago de Compostela e de Lugo. O candidato definiu as principais accións dentro da oferta formativa, especialmente no pulo que se lle deben dar aos dobres graos e nos plans de formación transversal nas Escolas de doutoramento internacional. No ámbito da investigación e da transferencia, Viaño aposta pola implantación das metodoloxías aportadas polo selo de excelencia HRS4R, recentemente concedido á USC, así como mecanismos de mentorización e programas específicos de captación de talento investigador.
Na segunda parte do programa analízanse as transformacións que debe acometer a USC para afrontar con éxito o futuro e seguir sendo unha referencia. Defende un modelo diferente de xestión das persoas, tanto dos estudantes coma dos PAS e o PDI, con especial atención aos programas de atracción de talento, consolidación e promoción, un aspecto reforzado pola recente autorización da Xunta de Galicia para poder convocar 200 prazas de promoción de PDI nos vindeiros catro anos. “Esa autorización é froito da negociación coa Xunta e de ser capaces de demostrar a nosa responsabilidade por sacar á USC dunha situación económica moi difícil”, dixo Viaño.
Outros aspectos nos que incide a transformación son a reforma da organización da USC e unha adaptación da cultura institucional para atender adecuadamente as necesidades da Sociedade Dixital. “A USC sabe adaptarse aos cambios porque o leva facendo máis de 500 anos, e agora é o momento de asumir un novo xeito de facer as cousas”, afirmou Viaño.
O equipo
Viaño confesou que lle resultaba especialmente emocionante presentar a un equipo formado maioritariamente por mulleres nun edificio que leva o nome das dúas primeiras estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, Elisa e Jimena Fernández de la Vega.
O candidato tamén afirmou que outra das características importantes do equipo, ademais do talento e da profesionalidade, é o cambio xeracional. “Combinamos a experiencia de persoas que xa o demostraron todo na súa carreira científica e investigadora coa mocidade achegada por candidatas que, pese a non superar a década dos corenta, lograron demostrar claramente a súa valía profesional. Entre todos e todas, formamos un equipo capaz de guiar o futuro da institución nos vindeiros catro anos”, afirmou.
O equipo está formado por:
– Luis Lima: Organización Académica e PDI
– José Manuel Cotos: Investigación e Transferencia
– Isabel Diz: Oferta Formativa
– Rosa Crujeiras: Planificación e Coordinación
– María José Carreira: Transformación Dixital
– Almudena Hospido: Internacionalización e Cooperación
– Loreto Fernández: Estudantes e Empregabilidade
– Javier Bueno: Coordinación do Campus de Lugo
– Andrés Barreiro: Ciencia e Innovación no Campus de Lugo
– Consuelo Ferreiro: Secretaría Xeral
Ademais deste equipo, incorporaranse dous delegados do reitor para os temas relacionados co ensino medio e coa cultura, patrimonio e mecenado. Estas persoas son:
– Luis M. Hervella. Delegado do reitor para o ensino medio
– José Manuel García Iglesias. Delegado do reitor para cultura, patrimonio e mecenado.

1 thought on “Juan Viaño presenta o seu equipo pensando na transformación dixital da USC”
Comments are closed.