Padrón, 28 de maio do 2018 – O Club Ciclista Padronés proclamouse segundo por equipos na Volta Guadalentín quedando o corredor Jesús Nanclares no máis alto do podium.
Jesús Nanclares coroouse este domingo vencedor da primeira edición da Volta Ciclista Internacional ao Val do Guadalentín-Trofeo Concellos de Lorca e Porto Lumbreras, proba de carácter nacional e puntuable para o ranking da RFEC. A regularidade de Nanclares, cuarto na primeira etapa e terceiro na segunda, déronlle a vitoria..
O Cortizo- Anova desprazouse este fin de semana a Murcia para disputar unha volta por etapas nova con sete dos seus mellores corredores: Jorge Montenegro, Jesús Nanclares, Aser Estévez, Iván Venter, Gonzalo Cubino, Raúl García De Mateos e Anxo Lorenzo. Os corredores da escuadra padronesa destacaron nas dúas etapas da rolda murciana e conseguiron ser o segundo mellor equipo da volta así como a vitoria na xeral de Nanclares, 4º posto para Montenegro e 12º para Raúl García de Mateos.
A canteira, en Carballo
As categorías inferiores do Cortizo- Anova disputaron o sábado o Trofeo Concello de Carballo. Bruno Puceiro segue despuntando en categoría infantil e consegue un fin de semana máis a vitoria na súa categoría. Lucas Vázquez foi terceiro en promesas.