Lousame, 24 de novembro do 2018 – O mago Javier Muro pechará hoxe a terceira edición do Festimaxia de Lousame, que encheu a casa da cultura durante todos os sábados de novembro. Javier Muro presentará o seu espectáculo “Alucina” ás 18:00 horas na casa da cultura “Santeiros de Chave” de Lousame. A entrada é libre e de balde.
“Alucina” é un espectáculo interactivo onde o público infantil de Lousame sairá ao escenario a colaborar e mesmo a facer de mago. Durante unha hora, os rapaces e rapazas lousamiás verán como nas súas mans comezan a romperse distintos obxectos: cordas, aros, papeis, abanicos… que despois volven á normalidade coa maxia. Unha maxia que mesmo fará que o debuxo dunha pizarra tome vida e comece a discutir co propio mago.
O III Festimaxia, organizado polo Concello de Lousame en colaboración coa Deputación da Coruña, volveu contar co apoio do público lousamiá, que encheu o auditorio da Casa da Cultura nas actuacións anteriores, a cargo de Charly Braun e o Mago Albert.