Bisbarra, 28 de decembro do 2020 – O campión do mundo de triatlón, Javier Gómez Noya, apoia o Camiño Inglés nun vídeo de promoción presentado a pasada semana.
A Asociación de Concellos do Camiño Inglés, entidade confirmada por 16 municipios polos que discorre esta ruta xacobea, presentou “A chamada do Camiño Inglés” un vídeo que busca achegar ao público en xeral os atributos desta ruta centenaria.
Javier Gómez Noya é o protagonista. O triatleta ferrolán, cinco veces campión do mundo e bimedallista olímpico, percorre este camiño no seu tramo galego amosando as súas paisaxes máis senlleiras, patrimonio, gastronomía e outros destacados servizos para os camiñantes.
Presencia institucional
A presentación correu a cargo do presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, quen estivo acompañado polo vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda, polo presidente da Deputación da Coruña Valentín González Formoso, o vicepresidente do organismo provincial, Xosé regueira, e alcaldes, concelleiros e responsables dos dezaseis municipios polos que pasa esta ruta.
Na súa intervención, Manuel Mirás destacou que “temos ás portas un ilusionante Ano Santo Xacobeo, o primeiro que afronta esta asociación. E estamos convencidos de que temos nas nosas mans un diamante en bruto que pode converterse nunha importante fonte de ingresos para os veciños e veciñas dos nosos concellos”. Neste sentido, Mirás salientou que “fronte á masificación doutras rutas, nós ofrecemos singularidade. Fronte a rutas unicamente por terra, dispoñemos dos encantos da costa atlántica e do interior coruñés. Fronte a camiños asfaltados, conservamos tramos e paraxes como as que descubriron os primeiros peregrinos a Compostela”.
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta coincidiu con Manuel Mirás en que o Camiño é “un diamante en bruto” e puxo en valor o compromiso tamén da Xunta no fomento desta ruta e dos outros 9 itinerarios do Camiño de Santiago. Alfonso Rueda incidiu no potencial desta ruta como así o acreditan os máis de 15.700 peregrinos que a escolleron o ano pasado. A Xunta levou a cabo melloras na conservación, sinalización e mantemento do Camiño Inglés en actuacións que supuxeron un investimento de máis de 2 millóns de euros.
O presidente da Deputación agradeceu a Gómez Noya a súa colaboración e o seu compromiso con Galicia. “Grazas por levar Galicia contigo onde vaias, por invitarnos a percorrer o Camiño contigo e por ser o mellor embaixador do Camiño Inglés ante o mundo”, afirmou o presidente, que tamén destacou o importante traballo que está a levar a cabo o ente provincial para acondicionar e dar a coñecer esta ruta xacobea a nivel nacional e internacional.
O presidente da Deputación tamén destacou a importancia desta ruta para o desenvolvemento socioeconómico dos concellos polos que pasa, xa que “axuda a crear emprego e a fixar poboación no rural”, dous retos fundamentais de cara ao futuro, máis aínda pensando na recuperación dunha pandemia que está tendo un efecto demoledor sobre un sector clave como o do Turismo.
Gómez Noya: visibilidade
Javier Gómez Noya destacou que “como ferrolán, para min é unha honra contribuír e dar visibilidade a esta ruta xacobea” e apuntou que a gravación do vídeo “deume a oportunidade de facer parte do Camiño Inglés, puiden gozar dalgúns dos sitios máis emblemáticos do mesmo e darme conta de que son moitos os seus atractivos. Gocei coas súas paisaxes, co seu patrimonio histórico e tamén coa súa gastronomía”.
Ademais, recoñeceu que “polos meus compromisos non puiden percorrelo enteiro pero si vos podo dicir que ao longo dos próximos meses fareino porque é unha experiencia que non se esquece”. Finalmente, anunciou que “como embaixador do Camiño Inglés, aló onde vaia exercerei como tal e neste Xacobeo 2021 animo a todo o mundo a coñecer a súa historia, a súa cultura e ás súas xentes”.
A Asociación
A Asociación do Camiño Inglés está constituída por dezaseis concellos polos que transcorre esta ruta xacobea: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. O Camiño Inglés conta cunha tradición de máis de oitocentos anos, xa que era a ruta utilizada polos peregrinos do norte e oeste de Europa, que preferían arriscarse a unha travesía de 3 ou 4 semanas en barco a un traxecto de 1 ou 2 anos a pe ata os portos de A Coruña ou Ferrol, dende onde camiñaban ata Santiago de Compostela. Actualmente, o Camiño Inglés é unha ruta en auxe que cada vez toman máis peregrinos e que vai aumentando os seus servizos e aloxamentos dedicados ao peregrino.