Compostela, 2 de abril do 21019 – Santiago acolle do 3 ao 6 de abril a cuarta edición do Melona Fest cun cartel de artistas que non adoitan aparecer nos eventos máis comerciais.
O Melona acolle este ano a 30 músicos e grupos por varios escenarios da cidade e que reforza a programación paralela para chegar a novos públicos.
A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou a cuarta edición do festival acompañada polo seu director, Coque Dosil; o programador, Guillermo Cavero, e a responsable da programación paralela do festival, Victoria Blanco. A concelleira salientou “a gran diversidade de estilos desta edición, que está ampliando os seus horizontes estéticos e apostando por formatos máis accesibles para chegar a novos públicos”. Novoneyra tamén incidiu no “empeño da organización para que haxa unha importante representación galega no cartel, e mesmo nomes composteláns tan relevantes como o do gañador dun Oscar Nico Casal ou o do dúo Blanco Palamera”. Ademais, puxo en valor o traballo que está a facer o colectivo La Melona, máis alá deste festival, que é a súa grande cita do ano.
O director do Melona Fest asegurou que “esta cuarta edición chega con máis forza que nunca e tamén con máis apoio, promovendo o paradigma da democracia cultural como se fai tamén dende a propia institución do Concello”. Coque Dosil salientou tamén a liña programática “vangardista e ecléctica, na que apostamos por potenciar o talento local xunto con artistas de renome no ámbito estatal e internacional”.
Programación
Case trinta artistas, e oito escenarios repartidos por toda a cidade configuran o cartel da cuarta edición do Melona Fest, que arrincará o mércores na Sala Riquela cunha presentación oficial a partir das 21:30 horas. Será xusto antes do primeiro grande espectáculo do evento: o proxecto Live Pixel, da artista visual Marta Verde e o artista multimedia Juanma Lodo. Antes, ás 19:00 horas na Casa do Matadoiro, está prevista a actuación do galego Adrián Barreiro, que mostrará o seu particular estilo que se nutre da música da India, os mantras tibetanos, o canto harmónico mongol ou os ritmos sufíes.
Xa o xoves 4, o epicentro do Melona Fest trasládase á sede da Fundación SGAE e coa participación de Cult Of Auspex, Babykatze, Blanco Palamera e Trifulca. Ao día seguinte, o venres 5, o Melona Fest desenvolverá a súa parte musical en tres escenarios. Ás 20:30 horas, o compostelán Nico Casal estreará no Teatro Principal o seu primeiro disco que, baixo o título Alone, supón un punto de inflexión creativa para o artista gañador dun Oscar pola banda sonora da curtametraxe Stutterer. Na Fundación SGAE, ás 21:30 h, comezará unha nova sesión na que participarán Sta, Vulk, Cave Story e Artur M. Puga. A xornada do venres pecharase no Ruta, a partir das 3:00 horas, co proxecto de música electrónica de Emilio Horyaans, PV3000, e coa actuación de Miravalles, residente do Encarta Club de Bilbao, e un dos referentes da música electrónica experimental.
A do sábado será a xornada máis intensa dentro do Melona Fest, con música dende as tres da tarde ata as cinco da mañá en diferentes escenarios. Pola praza de Feixóo pasarán, dende as 15:00 ata as 19:30 horas, Mundo Prestigio, Tulip, Adriana Proenza e Candeleros. Na Sala Malatesta a música comezará ás 21:00 horas, con algúns dos nomes máis relevantes desta cuarta edición do festival. Un deles é o da chilena Soledad Vélez, que chega a Santiago despois de ter participado nos festivais máis prestixiosos e de ter realizado máis de 600 concertos en España, Portugal, Reino Unido, Chile, Ecuador ou México. Tras dela, actuarán Pantis, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba e Pony Bravo, un grupo que representou unha nova etapa para a música independente andaluza e que é unha das propostas máis agardadas do festival. A sesión na Malatesta pecharaa Akkan, o resultado da unión entre dous dos artistas máis prolíficos da escena barcelonesa: BeGun e Ocellot.
Xa na discoteca Ruta, a última xornada do Melona Fest deixará a actuación de Ana Helder, DJ e produtora de Rosario que mestura house, disco e acid techno con sons que lembran os inicios da electrónica.
Actividades paralelas
Nesta cuarta edición do Melona Fest reforzáronse as actividades paralelas que enriquecen o festival, e que xa arrincaron o sábado na Casa do Matadoiro coa inauguración da exposición de White Collective, unha galería independente de Vigo especializada en fotografía contemporánea. A mostra poderase visitar ata o 6 de abril.
Para o mércores 3 de abril está prevista a proxección de Criando ratas, unha longametraxe dirixida por Carlos Salado que narra as peripecias de delincuentes de barrio baixo en España. Será na Sala Riquela a partir das 17:00 horas. A axenda de actividades paralelas continúa o xoves con dúas propostas no Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC: un encontro sobre voluntariado en iniciativas culturais, e o workshop “Ti flipas”, dirixido por Kika Ramil e Victoria Blanco. O venres, as actividades trasládanse á escola Unitaria, cun coloquio con Rocío Quillahuaman, debuxante de fanarts e creadora de vídeos animados para Internet; e cunha conferencia de Antropoloops, un proxecto de Rubén Alonso e Esperanza Moreno que parte dun achegamento creativo e amateur á etnomusicoloxía.
O sábado 6 de abril, as actividades paralelas desenvolveranse a pé de rúa, na praza de Feixóo. A partir das 13:30 h está previsto un Showcooking con Jorge Gago, chef do restaurante A Maceta; e a partir das 14:00 h comezará dende a praza o programa de radio A Toba II, coa participación de Nico Casal, Melania Freire e Derby Motoreta’s Burrito Kachimba.