Compostela, 5 de setembro do 2022 – Desde o venres pasado, 2 de setembro, está aberta a inscrición para participar no XIV Santiago(é)tapas, período que pechará o vindeiro día 20.
Os locais de hostalaría que queiran presentar as súas tapas no concurso poderán inscribirse a través da páxina web santiagoetapas.gal. Tanto as bases do concurso como a folla de inscrición estarán á súa disposición en esa páxina.
Poderán participar no Santiago(é)tapas todos aqueles locais de hostalaría situados no termo municipal de Santiago de Compostela que o desexen, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas.
‘Toleamos por (é)Tapas’ é o lema desta edición, que adianta uns días o seu inicio con respecto a outros anos co fin de evitar a súa coincidencia coas ceas de Nadal nos locais de hostalaría da cidade. O concurso comezará o xoves 27 de outubro, e prolongarase ata o 13 de novembro, celebrando a gala de entrega de premios a finais dese mesmo mes. Nas mesmas datas que o XIV Santiago(é)Tapas, celebrarase a terceira edición do Santiago(é)Cóctel, concurso de cócteles que organiza a Asociación Hostalaría Compostela. A cota de inscrición para os locais que queiran participar no certame de cócteles será gratuíta para aqueles que se inscriban tamén no concurso de tapas.