Á espera de que o contrato de xestión sexa adxudicado, os centros socioculturais de Compostela seguen nunha situación preocupante. O PSOE cualifica de “pasotismo” a actitude do concelleiro Xan Duro polafalta de respostas ao que sucede.
Por esta razón os socialistas de Compostela levarán a pleno unha interpelación sobre a situación dos Centros Socioculturais. Segundo a concelleira Marta Abal “son necesarias respostas claras e concretas ante o pasotismo e o desleixo do goberno municipal e do concelleiro responsable, Xan Duro”.
Os traballadores, segundo Marta Abal, levan catro meses sen cobrar e, aínda que a responsabilidade directa é da empresa, resulta evidente que a non adxudicación do novo contrato retrasa a normalización do conflito.
Marta Abal o resume “O persoal acumula xa catro pagas sen cobrar, e todo indica que a nómina do mes de xaneiro seguirá o mesmo camiño. A día de hoxe, non saben cando van cobrar nin sequera se van cobrar. Trátase dunha situación absolutamente inaceptable”.
A esta situación engádese o prexuízo directo para as persoas usuarias. “Moitas persoas pagaron por actividades que non se están a realizar. A programación aprobada non se está a cumprir, e o Goberno municipal non ofrece explicacións nin solucións claras”, sinala a concelleira socialista.
Tamén lembra que non hai información nin sobre a posible recuperación das sesións nin, no seu defecto, sobre a devolución das taxas xa abonadas. Para o Grupo Municipal Socialista resulta especialmente grave que, ante estes incumprimentos, o Goberno de Goretti Sanmartín optase por dar continuidade a unha empresa “claramente incumpridora e que leva máis dun ano advertindo de que non pode asumir o contrato”.
Os socialistas esixirán no pleno respostas claras e concretas e a adopción de decisións inmediatas. “Estamos ante unha situación que non se pode nin se debe consentir”, conclúe Marta Abal.
