Bisbarra, 28 de xaneiro do 2019 – Os equipos de fútbol sala na segunda nacional recolleron importantes puntos na fin de semana, o Santiago ante o Tenerife cunha merecida vitoria e o Noia Portus ante o Córdoba cun empate que marca, polo menos, un cambio de tendencia.
Santiago Futsal – Dimurol S. Tenerife
Os de Santi Valladares conseguiron unha vitoria moi traballada ante un rival que en ningún momento puxo as cousas fáciles. O cero a cero inicial rompeu aos tres minutos ao aproveitar Santi un descoido defensivo dos canarios. Christian, cinco minutos despois, puxo o 0-2 cunha gran xogada individual pola banda.
Un gran Álex Pérez mantivo a portería a cero ata que Ayose anotou un gol faltando 5 minutos para o final da primeira parte. O partido foi ao descanso cun apertado 1-2 e a renda dos visitantes puido ser maior, pero non foron capaces de materializar os dous dobres penaltis lanzados por Everton e Christian Chao no últimos tres minutos.
Co comezo da segunda parte O Santiago non perdoa e marca tres goles en tres minutos. O 1-3 foi grazas outro tanto de Christian e, pouco despois, Dani Branco culminaba unha gran xogada de estratexia para distanciarse 3 goles a favor do Santiago Futsal. Xusto despois Christian completaba o seu Hat trick na súa conta persoal, fulminando ao meta Yeray cun gran disparo á escuadra e poñendo o 1-5.
A partir dese momento o Dimurol S. Tenerife sacou ao seu quinto home e conseguiu exercer unha presión moi alta na saída de balón dos galegos, ata que un saque de meta rápido de Álex Pérez puxo o balón a Isma ao bordo da área para que asistise a Santi e marcar así o 1-6.
A continuación, un minuto despois, Ayose marcou o seu segundo gol e o segundo tamén para os de Tenerife, pero os de Santiago contestaron rápido grazas a Everton, que puxo o 2-7 no marcador. A falta dun minuto para o final o Dimurol S. Tenerife conseguiu reducir distancias a través de Manu Robles poñendo o 3-7 final no electrónico.
Noia Portus Apostoli – Córdoba Futsal
Un empate ante o Córdoba, no último moment, da un respiro á racha de derrotas do Noia Portus Apostoli e pode ser no futuro definitorio para a permanencia.
Despois do asubío inicial, ambos os conxuntos buscaban empezar levando o mango do encontro tendo ambos os bloques senllas ocasións para romper a saca. Tras os primeiros avisos, chegaría o primeiro gol do encontro. Corría o minuto 6 no Municipal Agustín Mourís cando César cun tiro potente desde banda bate a Brais adquirindo a vantaxe no luminoso para o seu equipo. Un 0-1 que rezaría no electrónico galego ata final da primeira parte xa que desde este gol poucas foron as ocasións creadas por ningún dos dous equipos.
Aos córdobeses lles valía o resultado e iso notábase na presión exercida en primeira liña tentado impedir o xogo dos galegos que, moito máis enchufados, tentaban aproveitar os ocos para chegar á portería de Cristian. O tempo corría e nesta ocasión en contra dos intereses noieses porque o luminoso non lle acompañaba a pesar de insistencia do bloque noiés en por empatalo.
E como quen a segue conséguea o Noia tería a súa merecida recompensa. Despois do roubo en media pista, Uri recibe o esférico que llo pasa a Marci e este devólvello a Uri que marca a porta baleira. O reloxo marcaba o minuto 30. Co 1 a 1 no marcador, a punto estivo Javaloy de adiantar ao seu equipo cun tiro que finalmente terminaría estrelado no pau.
A falta de dous minutos para o final, Dani Colorado tería dúas ocasións claras de gol que ao final non puido materializar, perdendo a ocasión de adiantar ao seu equipo. No último minuto Maca apostaría polo xogo de cinco vestindo coa elástica de porteiro xogador a David Leal. Con leste tería unha ocasión clara o seu irmán, Manuel Leal que pararía Brais. A última ocasión do partido teríaa Dani Colorado que tira a porta baleira pero David Leal chega a tempo para despexala.