Compostela, 16 de decembro do 2020 – O sector da imaxe persoal tamén se mobiliza en Santiago e crea a plataforma Crer en Nós Compostela. Como primeira medida piden a rebaixa do IVE.
Crer en Nós Compostela fai un chamamento, en nome de todo o sector de perruquería, barbería e estética diante da crítica situación na que se atopa. Reclaman, como sector esencial, así recoñecido na pandemia, que se lles devolva o IVE reducido do 10%, fronte o actual IVE de luxo que soportan do 21%.
Incrementos desde o 2012
Advirten de que están en risco 27.000 destes centros e 75.000 postos de traballo e anuncian que se no Senado non se aproba a volta o IVE reducido convocarán mobilizacións na Coruña, Pontevedra, Lugo, Vigo, Ourense e Santiago o vindeiro 20 de xaneiro.
A plataforma lembra que en 2012 subíuselles o IVE do 8% ao 21% por mor da crise económica. Unha suba de 13 puntos que se lles dixo que sería temporal “que a maioría decidimos asumir e non repercutir á clientela” porque, de o ter feito, moita da clientela non podería permitirse acudir aos salóns e porque agardaban regresar ao IVE anterior unha vez superada esa crise.
Sinalan que mentres outros sectores aos que tamén se lles aplicou a suba, como cultura, cines ou florarías recuperaron o IVE reducido o sector da imaxe persoal segue soportando un IVE de luxo.
Lembran que o 27 de novembro de 2017, o PSOE presentou unha PNL para devolver o IVE reducido, que foi apoiada por Unidas Podemos, PNV e ERC, que foi aprobada en 2018. Subliñan que daquela “eran partidos da oposición. Curiosamente, eses partidos son os que agora gobernan e non aplican o que daquela aprobaran”.
Apuntan que o pasado martes, día 1 de decembro, o BNG presentou unha emenda demandando que se lles devolvera o IVE reducido, mais denuncian que “volveron votar non”, malia a crítica situación que atravesan, xa que, no mellor dos casos, están ao 50% de facturación.
Situación crítica
O sector da imaxe persoal salienta algúns dos datos máis destacados dos estudos realizados, segundo os que máis do 20% das perruquerías, barberías e estéticas non teñen capacidade de chegar ao Nadal e outro 58% non poderá sobrevivir máis de 6 meses.
Calcúlase que 27.000 salóns, dos 48.000 que existen, pecharán, nun sector que ten máis de 150.000 traballadoras e traballadores no Estado español -dos que o 85% son mulleres autónomas- e xeran 50.000 traballos indirectos.
Alertan dunha perda aproximada de 75.000 postos de traballo, coas súas correspondentes cotizacións á Seguridade Social e advirten que o Estado, se a metade dos centros pechan, reducirá á metade a recadación do IVE, por unha banda, e terá que asumir o custo das prestacións por desemprego desas 75.000 persoas traballadoras, pola outra.
Denuncian que, deste xeito, estase a promover a economía somerxida, porque as traballadoras que queden sen emprego continuarán peiteando e tinguindo á súa clientela de sempre nas súas casas. Por iso demandan que “non miren para outro lado” e que “voten si no Senado” á redución do IVE para “Salvar o sector da imaxe persoal”.