Lindeiros 31 de decembro do 2024 – No último día do ano votamos unha ollada aos artigos que máis lestes en Lindeiros nos últimos tres meses. En este tempo crecemos máis dun trinta por cento en número de visitas e aparecemos en máis de setenta e sete mil procuras na web. Só podemos dicir grazas.

O coidado do patrimonio sempre provoca interese. Non ten porque ser unha igrexa ou un pazo, as veces o máis próximo é o que máis nos motiva. Unha das novas máis lida foi a posta en valor de lavadoiros e fontes no concello de Brión.
Camiñar forma parte da rutina de milleiros de persoas e a bisbarra é un lugar ideal para facelo. Compostela ten máis de 20 quilómetros de sendas e cando se una aos concellos da bisbarra por completo será un espazo de referencia en sendeirismo. A Vía Verde, case rematada, é un bo exemplo pero a senda que unirá o Milladoiro, en Ames, con Compostela, pese a toda a polémica provocou moito interés.
Que a razón de ser de Lindeiros, informar por riba de todo dos concellos máis pequenos, é acertada, queda demostrado cando un dos enlaces do xornal máis visitado é o que recolle todo o publicado da bisbarra. Imposible publicar toda a información que xeran estes municipios pero no 2025 seguiremos intentándoo. Se queredes repasar o publicado tedes 146 páxinas con máis de 15 artigos cada unha delas.

https://lindeiros.net/category/https-lindeiros-net-bisbarra2/
Non sabemos se as ventas foron o esperado pero o Mercado da Luz, que naceu este ano na Casa das Máquinas de Compostela, foi un dos máis buscados en Lindeiros e os artigos que contaron o seu nacemento dos máis lidos. Unha iniciativa de troco e venda entre particulares que parece ter bo futuro no 2025.
Todo na súa xusta medida é o que a terra parece querer dicirnos cada pouco. Unha xornada sobre balnearios, celebrada no de Brión, advertiu da saturación que comezan a ter algúns dos mananciais dos que se nutren estes establecementos. Hai tempo de poñerlle solución, o crecemento económico infinito non existe.
E xa que falamos de natureza hai que lembrar que, xunto coa fauna, sempre recuperan o que é seu. En este caso falamos dos xabarís que xa non sorprenden ao camiñar polas zonas máis urbanas dos concellos. Tanto apareceron que a Xunta tivo que declarar a emerxencia cinexética en sitios como Negreira ou A Baña. Non parece que cara o vindeiro ano isto vaía cambiar.
Remata 2024 e, de novo, grazas por seguirnos e apoiarnos, no 2025 máis Lindeiros.
