Compostela, 3 de maio do 2019 – A Universidade de Compostela organiza a terceira edición do Congreso Internacional sobre Fútbol e Psicoloxía, unha referencia internacional xa que non se coñece outra proposta semellante.
O coordinador, Constantino Arce, explicaba que o Congreso sobre Fútbol e Psicoloxía é un evento atípico xa que normalmente este tipo de encontros son organizados polo propio sector e en este caso e alguén alleo, a universidade, a que o organiza. Tamén fixo fincapé na súa orixinalidade xa que non hai precedentes en outros países de algo similar. Destacou ademais os modelos de traballo que se usarán e que non se limitarán á teoría xa que as tardes se dedicarán a clases prácticas.
Xunto a Arce presentaron o evento a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol e presidente do Comité Galego de Fútbol Sala, Pablo Prieto Perille; e o subdirector xeral de Plans e Programas da Secretaría xeral para o Deporte, Jorge Rubén Sampedro.
O congreso organízano de maneira conxunta e coordinada a Universidade de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, e conta coa colaboración da Real Federación Galega de Fútbol. Está dirixido a adestradores/as, futbolistas, profesionais da arbitraxe, dirixentes deportivos, proxenitores e todo tipo de profesionais e persoal voluntario do ámbito do fútbol e do fútbol sala.
Está confirmada xa a participación de relatores de 33 universidades e 57 clubes ou entidades deportivas procedentes de oitos países: tres europeos, España, Portugal e Reino Unido; e outros cinco americanos, Arxentina, México, Colombia, Brasil e Estados Unidos. Haberá unha destacada representación das tres universidades galegas e dos clubs da comunidade autónoma máis emblemáticos, como o Deportivo da Coruña, Celta de Vigo ou a Sociedade Deportiva Compostela, no caso do fútbol, e O Parrulo, Pescados Rubén Burela, Poio Pescamar ou o Ourense Envialia, no caso de fútbol sala. Tamén está prevista unha representación de numerosos clubs e entidades deportivas de LaLiga como Sevilla FC, Villareal FC, Levante UD, Real Valladolid CF, Puebla de México, Club Atlético Rosario Central de Arxentina, ademais de técnicos deportivos que formaron ou forman parte das seleccións nacionais de fútbol sala de España, Libia e Vietnam.
O enconro desenvolverase os días 30 e 31 de maio e 1 de xuño en xornada intensivas de 9.00 a 21.00 horas. O programa conxuga sesións teóricas na quenda matinal, con arredor de 145 relatorios agrupados en 31 mesas temáticas, e dúas sesións prácticas pola tarde nas instalacións deportivas da USC onde se desenvolverán diversos obradoiros de fútbol e fútbol sala. Ademais está prevista tamén unha exposición permanente de pósteres e traballos presentados de maneira gráfica polos participantes.
Celebraranse mesas e talleres sobre técnicas de potenciación dos múltiples factores psicolóxicos facilitadores do rendemento deportivo (concentración, activación, motivación, confianza, estados de ánimo, adestramento mental, liderado ou cohesión, entre outros), e de técnicas de autocontrol emocional e afrontamento do estres e a ansiedade competitiva, de especial interese para adestradores, futbolistas e árbitros. Tamén están previstas sesións sobre temas de actualidade e responsabilidade social e política: o rol dos pais e as nais no deporte infantil e xuvenil; o fútbol feminino; o fútbol adaptado; a prevención da violencia nestas modalidade deportivas; ou as liñas estratéxicas para o deporte galego, entre outros.