Compostela, 25/09/2026 – A USC co apoio da Deputación da Coruña, pon en marcha ‘Sons de Peto’, un ciclo que levará á Igrexa da Universidade unha programación de formatos reducidos pensada para explorar outras maneiras de escoitar, compartir e vivir a música.
O ciclo basearase en propostas acústicas e semiacústicas, cunha capacidade máis reducida do habitual e unha especial atención á relación entre as persoas creadoras e o público.
‘Sons de Peto’ convida artistas da escena galega a presentar os seus traballos desde perspectivas diferentes ás habituais e a experimentar con outros modos de interpretar e compartir as súas creacións.
O resultado son propostas pensadas para favorecer unha escoita máis próxima e directa e para poñer en valor, ao mesmo tempo, a singularidade arquitectónica e acústica da Igrexa da Universidade.
A primeira programación do ciclo inclúe o concerto de Abril, o mércores 7 de outubro ás 20.30 horas; o obradoiro de canto con Guadi Galego ‘Pélago. Contos oníricos’, o sábado 17 de outubro, de 10.30 a 14.00 horas; e o concerto de Laura LaMontagne ‘A vida fóra dos versos’, o mércores 11 de novembro ás 20.30 horas. O obradoiro de canto con Guadi Galego será de balde, con inscrición previa a través da web da USC, no apartado de Cultura, ata o 2 de outubro.
O nome do ciclo toma como referencia a idea dos libros de peto e trasládaa ao ámbito musical: actividades e concertos de dimensión reducida que permiten establecer unha relación máis directa entre o que acontece no escenario e as persoas que o comparten.

Abril
O dúo galego Abril é unha das propostas emerxentes da nova escena folk contemporánea. Claudia Abril e Marina Carpente dan forma a un proxecto no que tradición e presente dialogan a través de sons de raíz, creando un microcosmos folclórico no que as identidades converxen e constrúen comunidade.
Guadi Galego
‘Pélago. Contos oníricos’ propón unha maneira diferente de vivir un disco, transformando a escoita nunha experiencia compartida. Nesta actividade, Guadi Galego presenta unha proposta na que o público deixa de ser un mero espectador para converterse nunha parte esencial da interpretación. As persoas participantes aprenderán os coros das cancións do disco e descubrirán o pracer de interpretalos en comunidade, creando un espazo de encontro no que as voces individuais se unen nunha soa. Non é preciso ter coñecementos musicais nin corais, só ganas de cantar, compartir e formar parte da experiencia.
Laura LaMontagne
Cando a electrónica en galego aínda era un territorio pouco explorado e eran poucas as artistas que se atrevían a combinar tradición, poesía e beats, Laura LaMontagne xa estaba a abrir camiño a unha maneira diferente de entender a música feita desde Galicia. A súa traxectoria inclúe a reinterpretación de cantigas medievais e unha constante exploración das posibilidades da voz, a electrónica e a poesía. Nesta ocasión, LaMontagne chega á Igrexa da Universidade cun formato especial, ‘A vida fóra dos versos’, acompañada do multiinstrumentista e produtor Cristian Durán. Xuntos presentan unha reinterpretación do repertorio máis íntimo da artista lucense, nunha proposta concibida especificamente para este encontro.
Con ‘Sons de Peto’, a USC amplía a súa programación cultural cun ciclo que aposta por escoitar a música desde máis preto, achegando artistas e público e permitindo descubrir os seus traballos en formatos diferentes aos habituais. A proposta busca así crear momentos de escoita máis próximos e íntimos.
