Ames, 23 de febreiro do 2019 – O Club de Patinaxe Artístico Omega e a Federación Galega de Patinaxe organizan esta fin de semana a primeira edición do Trofeo Xunta Programas Longos de Patinaxe Artística, que conta coa colaboración do Concello de Ames.
Durante o trofeo de patinaxe, de categoría nacional e que terá lugar hoxe e mañá no pavillón municipal do Milladoiro, participarán un total de 80 patinadores e patinadoras das categorías benxamín, alevín, infantil, xuvenil, júnior e sénior.
Hoxe sábado competirán desde as dez da mañá as categorías benxamín, alevín e infantil. Así, a primeira hora estará dedicada ao adestramento oficial, no que os/as participantes farán unha proba de pista e de rodas para entrar en contacto co espazo onde se desenvolverán as probas. A continuación, entre as 11.00 e as 14.00h, terá lugar a competición de ditas categorías. A xornada vespertina, por outra banda, comezará ás 16.00h e, ao igual que a da mañá, contará cun tempo de quecemento de media hora. De seguido, competirán os participantes da categoría cadete, en horario de 16.30 a 19.30h. Entre as 19.30 e as 20.00h realizarase a entrega de premios das categorías disputadas ao longo do día.
Por outra banda, a xornada do domingo estenderase de 9.30 a 14.00h, e comezará cunha primeira media hora adicada ao adestramento oficial. A continuación, de 10.00 a 14.00 horas, desenvolveranse as competicións das categorías xuvenil, júnior e sénior. Ao rematar, entregaranse os premios de ditas categorías e realizarase a clausura do evento.
O evento conta coa colaboración do Concello de Ames, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e a Fundación Deporte Galego, a Cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro e Base Centro Deportivo.