Arzúa, 18 de abril do 2018 – O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa vén de pechar a relación de expositores participantes na primeira Feira do Libro que terá lugar próximamente en Arzúa.
Librarías, editoriais, postos de coleccionismo, deseño gráfico e particulares participarán nunha cita que encherá de vida a zona antiga do municipio. A Feira do libro ubicarase na Rúa Cima do Lugar por onde transcorre o trazado do Camiño Francés, a carón do Albergue Municipal e da Capela da Madanela, espazo este último que será empregado como escenario de diferentes actividades. Na feira poderanse ver e mercar libros, vinilos, cd`s, xoguetes educativos e outros artigos novos, de ocasión, de segunda man ou descatalogados.
A cita arrincará este sábado día 21 ás 11:00h da mañá co inicio do mercado, coincidindo coa apertura do espazo infantil con zona branda, contos e zona de debuxo e da exposición do XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas no interior da Capela da Madanela, ambas as dúas actividades durante toda a xornada. Pola mañá a feira estará aberta ata as dúas do mediodía.
Pola tarde, desde as 17:00h, reabriranse as actividades mencionadas e ás 18:00h terá lugar a actuación de Picadiscos Mari Faltri dirixida ao público infantil e familiar. Trátase dunha proposta de María Faltri, compoñente do grupo de Folk Faltriqueira, voz en A Nena e o Grilo nun Barquiño e creadora e voz do proxecto Fantasía coas Palabras xunto con Jorge Juncal. Este espectáculo propón unha hora de diversión cun repaso polos grandes éxitos da música infantil galega con coreografías e animación para que os nenos e nenas non deixen de divertirse.
Ás 20:00h realizarase o sorteo dun lote de libros que servirá como peche da feira. A organización facilitará aos expositores as rifas para entregar ao público co fin de participar en dito sorteo tan só por visitar e mercar no evento.