Negreira, 06/06/2026 – O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, asinaron un convenio de cooperación para a renovación do saneamento e a humanización da rúa Rosalía de Castro.
O investimento total no proxecto será de 250.000 euros dos que a Deputación da Coruña achegará 144.000 €. O acordo, aprobado por unanimidade no pleno da Deputación, transformará unha das vías principais da vila tanto no seu aspecto urbano como nos seus servizos soterrados.
Valentín González destacou que esta actuación en Negreira “é un bo exemplo do papel da Deputación como aliada dos concellos para facer realidade obras necesarias, útiles e moi demandadas pola veciñanza”.
Pola súa banda, o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, agradeceu a colaboración da Deputación para impulsar unha actuación que enmarca na estratexia municipal de renovación das infraestruturas urbanas e modernización das redes de saneamento do casco urbano.
Leis explicou que a actuación permitirá substituír colectores moi antigos, executados maioritariamente en fibrocemento e que presentan frecuentes problemas de funcionamento, especialmente durante os episodios de fortes choivas.
O alcalde engadiu que “Estamos a continuar o traballo de renovación das redes do núcleo urbano de Negreira e a separación das augas pluviais e fecais, algo fundamental para mellorar a eficiencia do sistema e reducir avarías e custos de mantemento”.
O rexedor destacou tamén que a actual rede unitaria provoca a entrada de augas pluviais no sistema de saneamento, incrementando notablemente os custos de bombeo e depuración. Neste sentido, explicou que os colectores do casco urbano desembocan nun tanque de tormentas desde o que as augas son impulsadas ata a estación depuradora, situada a aproximadamente un quilómetro de distancia. “Coa nova rede separativa evitaremos que as augas limpas entren no sistema de depuración, reducindo o consumo enerxético e mellorando o funcionamento da infraestrutura”, indicou.
Ademais das melloras soterradas, Leis puxo en valor “a transformación urbana da rúa, coa renovación das beirarrúas, a incorporación de arborado e a creación dun espazo máis amable e accesible para a veciñanza de Negreira”.
O alcalde incidiu especialmente na mellora da seguridade peonil nunha zona moi transitada, próxima ao CEIP O Coto e ao parque infantil da contorna, onde se habilitará unha área semipeonil que facilitará os desprazamentos diarios de nenos, nenas e familias.
A intervención inclúe unha renovación integral da superficie da rúa para devolverlle protagonismo aos peóns e mellorar a estética urbana. As obras permitirán substituír os actuais pavimentos por materiais máis accesibles e seguros, ordenar os espazos de circulación e o mobiliario urbano, e instalar novos puntos de iluminación pública.
Así mesmo, a rúa Rosalía de Castro gañará en calidade ambiental coa apertura de alcorques ao longo do vial principal, nos que se plantarán árbores co obxectivo de crear espazos de sombra e dotar a contorna de novas zonas verdes de proximidade.
