Padrón, 04/09/2026 – As I Xornadas de Formación de NOGA reunirán en Padrón profesionais con diferentes percorridos e niveis de experiencia arredor da palabra, a voz, o corpo, a creación e a reflexión sobre a propia práctica.
NOGA, narrativa Oral Galega, reivindica a formación continua como parte da madurez profesional. Baixo esa premisa traballa desde hai tempo na idea de crear un espazo propio para a formación, o encontro e a reflexión arredor da narración oral.
Este setembro, esa idea faise realidade coas I Xornadas de Formación de NOGA, que se celebrarán os días 26 e 27 de setembro no Museo da Fundación Camilo José Cela, en Iria Flavia (Padrón).
As xornadas están dirixidas a persoas vinculadas á narración oral e a ámbitos próximos que queiran afondar na súa práctica e incorporar novas perspectivas ao seu traballo.
A proposta parte dos coñecementos e da experiencia das persoas participantes, polo que non é unha formación de iniciación, pero tampouco unha proposta reservada a quen leva moitos anos contando.
NOGA quere reunir diferentes percorridos, desde persoas que están a comezar a construír o seu oficio ata outras con anos de experiencia, entendendo que todos eles poden achegar coñecementos e preguntas ao encontro.
Dende o colectivo entenden que a formación continua dun oficio: permite revisar o aprendido, poñer en cuestión algunhas certezas, experimentar con novas ferramentas e achegarse a outras maneiras de entender o que se fai.
O encontro tamén permite compartir ese proceso con outras persoas que viven a narración oral desde experiencias diferentes. Ao longo de dous días abordaranse cuestións relacionadas coa creación, a voz, o corpo, a memoria oral, a literatura e a presenza escénica, da man de profesionais e especialistas de diferentes ámbitos.
Paula Carballeira, Celso Fernández Sanmartín, Guadalupe Jiménez Esquinas, Pablo Ferradás, Pablo Sánchez, Cándido Pazó, Chus Caramés, Santi Prego e Covadonga Rodríguez forman parte do programa desta primeira edición.
O encontro terá tamén un importante compoñente de convivencia e intercambio, con espazos para conversar, compartir experiencias e coñecer outras formas de traballar.
Información, inscricións e consultas:
I Xornadas de Formación NOGA 2026
Para calquera dúbida ou cuestión relacionada coas xornadas, pódese contactar directamente con NOGA a través do correo narracionoralgalega@gmail.com ou no 635952820
As I Xornadas de Formación que organiza NOGA queren ser un espazo para aprender e afondar, pero tamén para pensar colectivamente sobre a narración oral e sobre o momento que vive o propio sector en Galicia. Un punto de partida para seguir creando espazos de encontro e formación que acompañen o crecemento dunha comunidade profesional cada vez máis diversa.
O prazo de inscrición remata o 10 de setembro. A matrícula inclúe as actividades, o aloxamento e a pensión completa, e as persoas socias de NOGA contan cun 50 % de desconto.
Unha vez completado o aforo das xornadas, algunhas das ponencias estarán abertas ao público xeral, cun prezo de 10 € (e descontos para estudantes e persoas socias de NOGA).

