Compostela, 09/09/2026 – O WOS é para Compostela unha porta ao futuro e este ano colabora nun evento que se converterá nunha referencia. Muelle 1931 Shop reunirá a 15 DJ durante 3 días na Rúa de San Pedro.
Do venres 11 ao domingo 13 de setembro, El Muelle 1931 Shop propón tres xornadas dedicadas á escoita compartida, á cultura do disco e á creación sonora independente. Durante os tres días, de 12:00 a 17:00, cinco DJs, selectoras e coleccionistas por xornada compartirán as súas coleccións e a súa maneira de achegarse á música nun formato aberto e de acceso gratuíto.

Pola tenda pasarán Juait, Russ, Rea, You_el, Fatfish, BFlecha & Mwëslee, Elvira Santos, Elektrógena, Wil, Mahía, Libredón, Sandra MG, Willy the Squid, Yugen Kala e Chago, 15 nomes vinculados a diferentes ámbitos da escena galega.
As sesións do WOS poñen o foco no acto de seleccionar e compartir música e en todo o que acontece arredor do formato físico: descubrir un disco, construír unha selección, intercambiar referencias ou simplemente deterse a escoitar.
Unha maneira de converter durante unhas horas a tenda nun punto de encontro entre artistas, público, coleccionistas e comunidade.
El Muelle 1931 Shop
Situado no barrio de San Pedro, El Muelle 1931 Shop desenvolve unha liña propia arredor da cultura do disco e da creación independente, funcionando como espazo de conexión entre músicas, escenas e persoas.
Durante estas tres xornadas, esa vocación ábrese aínda máis á cidade e ao encontro entre diferentes xeracións e maneiras de relacionarse coa música. A iniciativa celébrase coincidindo con WOS Festival e en colaboración co festival, establecendo un diálogo entre a actividade de El Muelle e os distintos proxectos culturais que durante eses días teñen lugar en Santiago de Compostela.
Sobre WOS Festival x SON Estrella Galicia
WOS Festival x SON Estrella Galicia é un festival internacional de cultura contemporánea que se celebra anualmente en Santiago de Compostela. Durante tres xornadas reúne música, artes visuais, cinema, artes escénicas e experiencias inmersivas nunha programación concibida desde o diálogo entre disciplinas, artistas e espazos.

Desde a súa creación, o evento consolidouse como unha referencia dentro da creación contemporánea polo rigor da súa proposta curatorial e pola súa capacidade para xerar encontros entre artistas, profesionais e públicos de diferentes contextos e xeografías. Ao longo da súa traxectoria foi recoñecido como Mellor Festival Indoor de Europa nos European Festival Awards e como Mellor Festival Indoor Nacional nos Iberian Festival Awards.
O festival conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia no marco de Concertos do Xacobeo, así como de Deputación da Coruña, Concello de Santiago de Compostela, Ministerio de Cultura, Acción Cultural Española (AC/E) a través do seu Programa para a Internacionalización da Cultura Española (PICE) e Fundación Japón Madrid.

