Teo, 15/09/2026 – A Deputada do BNG no Parlamento Galego Saleta Chao reclama da Xunta melloras na AG-59, a autovía da Estrada. A ampliación remata agora en Pontevea, Teo, o que segundo Chao pon en risco a seguridade viaria da zona.
Hai uns meses reiniciábase, despois dun largo parón, a construción da autovía que conectará Santiago coa estrada, a AG-59. A primeira das ampliacións remata no núcleo de Pontevea, en Teo, polo que todo o tráfico remata nun punto que pode afectar á seguridade da veciñanza segundo o BNG.

Saleta Chao vén de rexistrar no parlamento unha iniciativa para que o Goberno adopte medidas de urxencia que permitan facer máis segura a circulación e mellorar a mobilidade da veciñanza, algo que, tras unha iniciativa do BNG en 2018, se comprometera a garantir a Xunta en 2024, sen que, de momento fixese nada, explica a Deputada.

Para Chao, a apertura debe ir acompañada das actuacións necesarias para garantir que o incremento do tráfico non repercuta negativamente na seguridade das persoas que viven, traballan ou se desprazan por Pontevea. O BNG urxe á Xunta a actuar especialmente no núcleo no que conviven tráfico rodado, actividade comercial e hostaleira e tránsito peonil.
“Non abonda con ampliar as infraestruturas viarias se non se ten en conta tamén ás persoas e ás necesidades dos núcleos polos que circula ese tráfico”, sinala a nacionalista. A deputada defende que a Xunta debe abordar a situación desde unha perspectiva integral, combinando a mellora da seguridade viaria coa humanización da contorna e coa protección da mobilidade peonil.
Trátase dunha vella reivindicación. En 2018, o pleno do Concello de Teo aprobou por unanimidade unha moción do BNG na que se reclamaba á Xunta a elaboración e execución dun plan de seguridade viaria e humanización da AC-841, así como medidas específicas para facilitar e facer máis seguros os desprazamentos a pé.
A deputada considera que a posta en funcionamento da ampliación da AG-59 fai aínda máis necesario que a Xunta acometa estas actuacións e garanta que o desenvolvemento das infraestruturas vaia acompañado dunha mellora efectiva da calidade de vida e da seguridade da veciñanza.
O BNG reclama así á Xunta que actúe de maneira urxente na contorna de Pontevea e impulse unha intervención integral de seguridade viaria e humanización, adaptada ás necesidades actuais do núcleo e ao novo escenario de tráfico derivado da ampliación da AG-59.
