Noia, 05/11/2026 – O Vai de Tapas regresa esta fin de semana a Noia despois de varios anos de ausencia. O Concello de Noia e a asociación Noia Histórica recuperan unha cita gastronómica que busca dinamizar a hostalaría local e que contará coa participación de 15 bares e restaurantes.
A iniciativa celebrarase os días 6, 7 e 8 de novembro, desde as 18:00 horas do venres ata as 15:00 horas do domingo, con horarios que poderán variar segundo cada establecemento. Durante estas xornadas, os locais ofrecerán tapas especialmente elaboradas para a ocasión a un prezo de 3 euros.
Nesta edición participarán Bar Treff, Bar News, Restaurante Baobab, O Bocadito, Equs, Solpor, Baobab, Tamara, Jaratusas, Mesón Senra, Tasca Típica, Taberna do Lelo, Restaurante Mesturas, Restaurante Mar da Vila e Bar Gasset.
Cada establecemento terá liberdade para elaborar a súa propia proposta, sen restricións respecto aos ingredientes ou ao tipo de preparación, favorecendo así unha oferta gastronómica variada.
A iniciativa incluirá un sorteo de catro bonos de 50 euros para gastar nos comercios de Noia Histórica, contribuíndo tamén á dinamización do comercio de proximidade.

Recuperar unha cita para a hostalaría de Noia
O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Facenda, Manuel Seijas, destacou a importancia de recuperar unha iniciativa que levaba varios anos sen celebrarse.
«O Vai de Tapas era unha actividade que moita xente lembraba e que levaba tempo sen celebrarse. Tiñamos ganas de recuperala e de volver ofrecer unha proposta que anime á xente a saír, percorrer os nosos bares e restaurantes e descubrir o que prepara cada un deles», explicou Seijas.
O tenente de alcalde agradeceu a implicación dos establecementos participantes e de Noia Histórica. «Que quince locais se sumen a esta edición é unha boa maneira de recuperar o Vai de Tapas. Queremos que esta iniciativa volva ter continuidade nos próximos anos, pero o primeiro é que esta fin de semana a xente participe, desfrute e apoie a nosa hostalaría», engadiu.
Unha fin de semana de intensa actividade cultural e comercial
O regreso do Vai de Tapas coincidirá cunha fin de semana especialmente activa en Noia, na que a gastronomía compartirá protagonismo coa cultura e o comercio.
A XXVII Mostra de Curtas Vila de Noia desenvolverá distintas proxeccións, encontros con profesionais do audiovisual e estreas como a da serie El crimen de Pazos, prevista para o sábado 7 no Liceo de Noia.
Ese mesmo sábado, a partir das 18:00 horas, a rúa do Curro acollerá o Magosto Popular, con castañas asadas, música en directo de Jaitas Blues e xogos tradicionais para os máis pequenos. A todo isto súmase a campaña MercaEnNoia, que continúa incentivando as compras no comercio local.
O alcalde de Noia, Francisco Pérez Caamaño, destacou que esta coincidencia de actividades representa unha oportunidade para a hostalaría e o comercio da vila.
«Esta fin de semana temos moitas razóns para saír á rúa e desfrutar de Noia. Podemos ir de tapas, achegarnos á Mostra de Curtas, participar no Magosto ou aproveitar para facer as nosas compras. Son actividades diferentes, pero todas axudan a que haxa vida nas nosas rúas e a que a xente se achegue aos nosos establecementos», sinalou o rexedor.
Pérez Caamaño puxo tamén en valor a recuperación do certame. «Ás veces non se trata de inventar cousas novas, senón de recuperar aquelas que funcionaban e que a xente botaba de menos. O Vai de Tapas é unha delas. Queremos que volva ser unha cita habitual en Noia e que a veciñanza teña unha boa escusa para saír e compartir un rato», afirmou.
O alcalde rematou agradecendo a colaboración de Noia Histórica, dos establecementos participantes e de todas as persoas implicadas na organización, e animou á veciñanza e ás persoas visitantes a desfrutar dunha fin de semana na que a gastronomía, a cultura e o comercio volverán compartir protagonismo nas rúas de Noia.
