Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Xeral

Nitratos,outro cravo no medio ambiente galego

A Xunta volve adiar a declaración de zonas vulnerables a nitratos

Balsa de lodos, un dos xeradores de nitratos para as augas limpas

Compostela, 24/07/2026 – Van xa 26 anos agardando unha declaración da administración sobre as zonas vulnerables a nitratos. Este mes de xullo a Xunta de Galicia abriu a consulta que debería levar a un decreto sobre a redución de contamiación nitratos, e acabou adiándoa de novo.

Contaminación por nitratos, un grave problema ambiental

A denuncia a difunde unha vez máis a organización ecoloxista ADEGA. Explica ademais o contexto no que se atopa a contaminación por nitratos en Galicia. Unha historia que comeza nos anos 90 do pasado século, cando Europa puxo de manifesto a necesidade de protexer as augas contra a contaminación producida polos nitratos de orixe agraria (Directiva 91/676/CEE).

Esta norma foi transposta ao ordenamento xurídico estatal polo RD 261/1996, que obrigaba aos Estados a identificar as augas afectadas pola contaminación por nitratos de orixe agraria; designar zonas vulnerábeis e poñer en marcha programas para eliminar ou reducir os efectos dos nitratos nas augas. O cumprimento destas medidas revisábase cada 4 anos.

En 2022 aprobouse o RD 47/2022 que substituía e ampliaba o RD 261/1996. Aínda que o obxectivo seguía a ser a redución dos nitratos, consideraba tamén outras substancias eutrofizantes como o fósforo. Obrigaba tamén a identificar como augas afectadas aquelas que polo seu nivel de nitratos non acadaran os obxectivos ambientais no Plano Hidrolóxico, rebaixaba o limiar de nitratos e impoñía requisitos máis estritos para o seguemento desta contaminación.

O RD 47/2022 definía tamén as zonas vulnerábeis (ZZVV) como todas as superficies cuxa escorrenta flúa cara as augas afectadas por nitratos e que contribúan, aínda minimamente, á súa contaminación.

Estas zonas vulnerables debían designalas as comunidades autónomas, dándolles 3 anos de prazo para a súa designación dende o 21 de maio de 2022. Nos dous anos seguintes á designación de ZZVV, tería ademais que poñer en práctica programas de actuación cuatrienais para previr e reducir a contaminación por nitratos, fixando limiares máis baixos para o abonado agrario.

20 anos sen tomar medidas pese as sancións europeas                                

Dende a entrada en vigor do primeiro Decreto en 1996 e até abril de 2025, a Xunta non declarou ningunha zona vulnerábel. No ano 2000, data na que vencía o primeiro prazo para declarar/revisar as ZZVV, a Xunta declarou formalmente que non había ningunha ZZVV en Galiza.

Malia á existencia de áreas cunha alta carga gandeira, problemas de contaminación por unha deficiente xestión dos xurros ou eutrofización (A Limia, encoro das Cunchas, encoro de Caldas…), postos de manifesto nas analíticas dos Planos Hidrolóxicos, ao longo dos sucesivos períodos de revisión (2004-2007; 2008-2011 e 2012-2015) o Goberno Galego seguiu sen actuar e sen declarar zona vulnerable algunha.

No informe de seguimento dos nitratos para o período 2016-2019, o Estado daba conta que a Xunta seguía sen declarar ningunha zona vulnerábel. Informaba tamén de que a Comisión Europea, abrira un procedemento sancionador (nº 2018/2250) pola presenza de niveis significativos de eutrofia en varios puntos das bacías internas de Galiza, e da consecuente urxencia de declarar ZZVV.

Naquela altura a Xunta comunicou ao organismo estatal a redacción dun estudo, referido a 12 encoros da demarcación de Galiza-Costa, para concretar os factores responsábeis dos impactos observados. Nin no DOG nin na plataforma de contratos de Galiza figura referenza algunha a ter licitado dito estudo.

E no último informe de seguimento, correspondente ao período 2020-2023, a Xunta segue sen actuar e sen declarar zona vulnerable algunha. A Xunta argumentou que non se procedera á declaración porque xustamente estaba a traballar na declaración de ZZVV.

En maio de 2022 o Ministerio publicou os mapas de augas afectadas por contaminación difusa, sinalando o elevado número de encoros eutrofizados en Galiza. Daquela a Xunta informou da realización doutro estudo específico para intentar determinar a orixe desa eutrofización (similar ao que dixo que licitara no período anterior) porque consideraba que en moitos deses encoros a contaminación agraria non debía ser significativa, a pesar que as análises apuntan a que estas fontes representan máis do 80%. Dende ADEGA solicitamos tamén os resultados deste estudo e un ano despois aínda non recibimos resposta.

En xullo de 2025 a Xunta abriu unha consulta pública para avaliar un anteproxecto de decreto sobre contaminación por nitratos de orixe agraria, sinalando 7 zonas vulnerábeis. Dito decreto non foi aprobado e xa que logo tampouco houbo ningunha declaración de ZZVV. Sen publicar os resultados desta consulta e sen aprobar a regulamentación anunciada no seu momento, en xullo deste ano a Xunta volve a sacar a consulta o mesmo proxecto de Decreto…

Desta volta a excusa da Xunta foi verificar que a contaminación por nitratos débese fundamentalmente a fontes agrarias, para así confrontar co Ministerio e evitar os custos políticos que tería para o PP poñerlle couto ás macrogranxas e á contaminación por xurros.

Plantas de biogás e biometano, solución á contaminación por nitratos?

Fronte á súa reiterada inacción, a Xunta pretende ofrecer como solución a promoción de grandes plantas de biometanización (dixestión anaerobia) para dar saída aos excedentes de xurro das explotacións gandeiras e reducir así a cantidade de nitratos que chegan ás augas.

Porén, as grandes instalacións industriais estanse a promover sen planificación de ningún tipo e están orientadas exclusivamente ao negocio do biometano para usos enerxéticos.

Estas instalacións non van servir para reducir a carga de nitratos, xa que terán que xestionar unha enorme cantidade de dixestato, no que se concentra o nitróxeno e o fósforo, que en función do proceso aplicado pode non ser apto para o seu uso no solo.

Os proxectos presentados até o de agora non deron unha axeitada resposta a este e a outros aspectos do proceso (recuperación de materia orgánica, enerxía, auga, xestión de metais pesados, fitosanitarios, antibióticos…), obviando tamén cuestións chave como o fomento da redución da produción de xurros, as fugas de metano e outros gases, ou a descentralización e a circularidade e balanzo enerxético nas propias explotacións.

A produción de biogás a partir dos residuos agrogandeiros de forma distribuída e a pequena escala, podería ser unha vía interesante para a redución dos custos enerxéticos das explotacións e da pegada de carbono, baixando o impacto das explotacións sobre o clima. Esta vía lévase reclamando desde hai décadas polo ecoloxismo, e debería ter sido fomentada pola Xunta como seu fixo noutros países, do que é exemplo Alemaña, entre outros.

Pola contra, a promoción dunha industria do biogás concibida como grandes plantas centralizadas en poder das multinacionais enerxéticas perde todos estes beneficios. Carga os custos económicos no sector gandeiro, ao atribuírlle a obriga de pagar polo tratamento deses residuos, e aprópiase das plusvalías.

Desde o punto de vista ambiental, da descarbonización, as emisións do transporte dos xurros líquidos desde as granxas á macroplanta anulan os potenciais efectos beneficiosos. E compre aclarar novamente que a dixestión anaerobia dos xurros non reduce as cargas de nitróxeno e outros fertilizantes, polo que non son a solución para o problema dos nitratos nen teñen a ver coa declaración ou non de ZZVV.

Propostas de ADEGA sobre os nitratos e a xestión dos xurros

A Xunta debe cumprir de inmediato coas disposicións da Directiva de Nitratos 91/676/CEE, declarar as ZZVV e aprobar os correspondentes programas de actuación e os códigos de boas prácticas para esas zonas.

Moratoria firme para a gandaría sen terra, non autorizando ningunha nova explotación gandeira que non acredite dispor de terra dabondo, en propiedade ou en aluguer, para a xestión adecuada de todos os xurros que xere, sen que se poida aceptar a cesión dos xurros a “xestores autorizados”.

En zonas como a Limia ou a comarca do Deza que xa teñen superado con moito a carga gandeira por hectárea de superficie agraria útil, faise necesario elaborar e executar un Plan de Vulnerabilidade orientado a reducir a carga gandeira e a pór a disposición das explotacións a terra necesaria para a xestión adecuada dos xurros.

Os proxectos de plantas de biogás e biometano que neste momento se están a promover en Galiza veñen da man das empresas eléctricas e de combustíbeis fósiles, interesadas non en resolver os problemas asociados á xestión dos residuos, senón unicamente no negocio económico. A pesar dos seus impactos ambientais e sociais, están a proliferar sen que exista un Plan Galego do Biogás. Reivindicamos unha planificación que regule exhaustivamente o estabelecemento deste tipo de instalacións, cando menos polo que se refire a: ubicación e distancias; tipo de residuos e transporte; e xestión integral do dixestato.

Mentres non se aprobe unha planificación que regulamente o sector do biogás, a Xunta debe establecer unha moratoria para este tipo de macroinstalacións industriais.

Post navigation

Previous: O Ministerio de Cultura entra a formar parte do padroado da Fundación Rosalía de Castro
Next: Novo transporte en Compostela con oficina cara ao publico

Máis novas

compostela feiito a man 4 agosto 2026
4 minutes read
  • Axenda

Comeza o XXIII edición do Feito a Man

compostela festival c 4 agosto 2026
3 minutes read
  • Axenda

O Festival C enche Compostela

TOURO VEST VERA 1 AGOSTO 2026
2 minutes read
  • Xeral

Noites no Ulla, a edición de verán de Ulla Fest

Ponte de San Lázaro Noia
2 minutes read
  • Xeral

Noia renovará a ponte peonil de San Lázaro

compostela centro mercadprias 31 xullo 2026
6 minutes read
  • Compostela

Nova etapa en Compostela na distribución de mercadorías

frades pleno xullo 31 xullo 2026
4 minutes read
  • Frades

Frades destina 95.000 euros de fondos propios a mellora de pistas

teo pleno extraordinario sobre o concello slide 1 setembro 2025.jpeg
3 minutes read
  • Teo

Teo aproba definitivamente os cambios no PXOM

compostela demandantes de vivenda 24 outubro 2018_slide
8 minutes read
  • Xeral

Compostela xa é unha zona de mercado residencial tensionado

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2084) Ciencia (115) Comercio e empresa (662) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2787) Curtocircuito (40) Deportes (749) Economía (449) Educación (771) eleccions (44) Emprego (241) Entroido (42) Festas e Feiras (619) Festivais (835) Galego (143) Institucións (1430) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1618) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (816) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (730) Politica (942) saúde (529) Servizos (2682) sindicatos (109) Social (561) sucesos (130) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (694) Turismo (222) Universidade (582) urbanismo (264) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.