Padrón, 23/07/2026 – O Ministerio de Cultura entrou a formar parte do Padroado que rexe a Fundación Rosalía de Castro, organización privada sen ánimo de lucro, dedicada a promover e difundir a memoria da poeta e a súa familia, a xestionar a súa Casa-Museo, así como a realizar actividades culturais, centradas na figura de Rosalía de Castro e na defensa da lingua galega.
A Fundación Rosalía de Castro está rexida por un Padroado integrado por institucións e figuras da cultura galega. Entre as institucións que forman parte deste órgano atópanse a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, o @Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, os concellos de Santiago de Compostela e Padrón, as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra e o Seminario de Estudos Galegos. A elas súnase agora o Ministerio de Cultura. A Fundación Rosalía de Castro está presidida polo escritor e académico Anxo Angueira.
A Fundación Rosalía de Castro foi constituída en 1947 en Santiago de Compostela, co obxectivo inicial de recuperar e restaurar a Casa da Matanza, onde viviu e faleceu a autora, e convertela en museo. A Casa-Museo de Rosalía de Castro abriu as súas portas en 1971 grazas á colaboración de particulares e entidades, tanto de Galicia como da diáspora galega. Desde entón permaneceu aberta, dedicada a fomentar e difundir o legado e a memoria de Rosalía de Castro.
Apoio á Fundación Rosalía de Castro
Durante unha visita a Casa Museo de Rosalía de Castro o pasado ano, o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, anunciou o apoio do Ministerio de Cultura á Fundación Rosalía de Castro para comezar o proxecto de rehabilitación dunha das edificacións do complexo, o Edificio Murguía.
A Casa Museo de Rosalía de Castro está formada por un conxunto de edificacións. A principal, coñecida como Casa da Matanza, foi fogar da poeta e a súa familia, e a ela súmase outra construción datada dos anos 70 do século pasado, complementaria ao museo, coñecida como Edificio Murguía.
Este inmoble, utilizado para acoller as actividades culturais, educativas e de investigación que se realizan no museo, presenta algunhas deficiencias estruturais que se deben rehabilitar. Por isto, o Ministerio de Cultura anunciou un investimento de 50.000 euros para o deseño do plan de recuperación e rehabilitación deste inmoble.
Desta forma, e como integrante do seu Padroado, o Ministerio de Cultura avanza no apoio a Fundación Rosalía de Castro e as súas actividades ao redor da figura da poeta, ademais de sumarse á protección do legado de Rosalía de Castro, unha das figuras literarias máis relevantes de Galicia e España.
