Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Xeral
  • Melide

Melide e a asociación MeLiSA facilitan o acceso á tecnoloxía

Concello e asociación asinan un acordo para distribuir ordenadores con software libre

Melide asina convenio coa asociacion Melisa

Melide, 03/09/2026 – O Concello de Melide e a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) asinan un convenio de colaboración que facilitará equipos informáticos con software libre a alumnado en situación de vulnerabilidade ou con dificultades para dispoñer destes recursos.

O acordo foi asinado polo alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e o tesoureiro de MeLiSA, Rafael Rodríguez Gayoso, coa presenza tamén da concelleira de Política Social, Carmen Liñeira. A iniciativa, denominada Sementeira Dixital, desenvolverase por primeira vez en Melide e ten entre os seus obxectivos reducir a fenda dixital, fomentar a autonomía neste ámbito e promover o software libre como ferramenta de acceso universal e equitativo á tecnoloxía.

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, destacou a importancia desta colaboración para avanzar na igualdade de oportunidades e evitar que a falta de recursos tecnolóxicos poida supoñer unha barreira. O rexedor incidiu tamén no valor de promover medidas que contribúan á alfabetización dixital e poñan estes medios ao alcance de quen se atopa nunha situación de maior vulnerabilidade.

Identificación das familias

Os Servizos Sociais do Concello de Melide, a través de Traballo Social e Educación Familiar, encargaranse directamente da identificación das persoas destinatarias. Para a súa selección teranse en conta a situación de vulnerabilidade socioeconómica documentada, a residencia permanente no municipio e a ausencia dun ordenador no fogar ou a imposibilidade económica de adquirilo.

A valoración incluirá tamén a motivación para a aprendizaxe e o uso da tecnoloxía, así como o cumprimento das condicións legais e administrativas requiridas. Ademais, considerarase o curso no que se atopen os menores e primarán as familias con máis nenos e nenas en idade de utilizar os equipos.

Non existe un límite prefixado de persoas beneficiarias, xa que o número dependerá do material que MeLiSA poida ir incorporando. Como punto de partida, a entidade dispón de cinco portátiles e cinco ordenadores de sobremesa.

Software e cultura libre

MeLiSA é unha asociación de voluntariado creada en 2008 e con sede en Melide, dedicada á promoción e divulgación do software libre. Desenvolve actividades de formación e instalación deste tipo de programas e defende tamén o concepto de cultura libre, ligado ao coñecemento aberto, compartido e colaborativo.

A entidade traballa con diferentes organismos e administracións públicas que renovan periodicamente o seu material informático. Desta maneira, pode recuperar ordenadores que presentan moi boas características, preparalos para un novo uso e instalar neles software libre.

O tesoureiro de MeLiSA, Rafael Rodríguez Gayoso, incidiu en que Sementeira Dixital vai máis alá da cesión dun ordenador. A través dun sistema operativo libre, como GNU/Linux, ou do paquete ofimático LibreOffice, búscase achegar tamén coñecementos sobre outras ferramentas que non sexan privativas, e favorecer que cada persoa poida escoller as opcións que mellor se adapten ás súas necesidades, sen quedar condicionada pola necesidade de realizar un desembolso económico para acceder a determinadas solucións.

Esta filosofía está detrás do propio nome de Sementeira Dixital, relacionado coa idea de sementar e compartir coñecemento e de dar a coñecer posibilidades diferentes ás máis habituais. O traballo da asociación continuará unha vez cedido o material.

Ao tratarse dun labor voluntario, e en función da dispoñibilidade dos seus membros, MeLiSA ofrecerá orientación sobre o uso do software e das ferramentas instaladas, facilitará titorías e recursos de aprendizaxe e prestará apoio inicial no manexo dos ordenadores. Tamén ofrecerá soporte técnico e realizará o mantemento e as reparacións de hardware cando sexan necesarias.

Para MeLiSA, esta primeira experiencia ten ademais un significado especial por desenvolverse en Melide, onde a asociación ten a súa sede.

Un convenio cunha duración inicial de cinco anos

O acordo terá unha duración inicial de cinco anos e non contempla unha achega económica directa entre as partes. O Concello encargarase da identificación das persoas destinatarias, a coordinación administrativa, o apoio institucional e a difusión, mentres que MeLiSA asumirá a achega dos ordenadores, o soporte técnico, o mantemento e a formación.

Os equipos continuarán sendo propiedade da asociación durante a cesión e cada persoa beneficiaria deberá asinar un contrato individual no que se recollerán as obrigas de custodia e coidado. O convenio prevé tamén a creación dunha Comisión de Seguimento, integrada por representantes das dúas entidades, que supervisará o desenvolvemento do proxecto, abordará as posibles incidencias e avaliará os seus resultados.

Post navigation

Previous: Actos vandálicos na Casa da Mina de Santa Comba
Next: A Deputación licita a mellora da estrada de Santiago a Portomouro

Máis novas

Compostela acolle do 16 ao 19 de setembro o Hola Nola Lab Fest traendo a Santiago unha parte de Nova Orleans.
4 minutes read
  • Axenda

Hola Nola Lab Fest

Using the appearance options below will override the global Appearance settings.
3 minutes read
  • Xeral

Artesanamente, Compostela é artesanía

As obras de Brión corresponden ao POS + Adicional 2/2026 e mellorará os accesos a trece aldeas
3 minutes read
  • Xeral

Máis de medio millón de euros para 13 aldeas de Brión

“Debaixo do lavadoiro había un anillo d´ouro”, fotografía contemporánea en Compostela
3 minutes read
  • Xeral

“Debaixo do lavadoiro había un anillo d´ouro”, fotografía contemporánea en Compostela

A Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía do Concello da Baña pon en marcha un novo ciclo de monólogos
2 minutes read
  • Xeral

Ciclo de monólogos na Baña

Imaxe do IES que será reformado
3 minutes read
  • Xeral

A Comunidade Escolar do IESP de Ames cuestiona a legalidade do cambio de horario

Municipais 2027: Pedro Blanco, candidato socialista en Compostela, reúnese cos medios de comunicación
3 minutes read
  • Xeral

Municipais 2027: Pedro Blanco, candidato socialista en Compostela, reúnese cos medios de comunicación

15 DJs, selectoras e coleccionistas en tres xornadas dedicadas á cultura do disco como parte do WOS
3 minutes read
  • Xeral

O WOS Festival incluirá o evento Muelle 1931 Shop

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2085) Ciencia (115) Comercio e empresa (664) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2797) Curtocircuito (40) Deportes (749) Economía (449) Educación (773) eleccions (45) Emprego (241) Entroido (42) Festas e Feiras (619) Festivais (837) Galego (145) Institucións (1433) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1619) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (818) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (731) Politica (944) saúde (531) Servizos (2690) sindicatos (109) Social (563) sucesos (131) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (696) Turismo (222) Universidade (582) urbanismo (264) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.