Imagen de omer yousief en Pixabay
Compostela, 23/07/2026 – A Universidade de Santiago de Compostela, USC, e EAPN Galicia – Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social unen forzas para promover o respecto fronte ao odio e a aporofobia no Día Europeo das Vítimas dos Delitos de Odio.
A USC lembra que en Galicia, só no 2025 rexistráronse 118 vítimas de delitos e incidentes de odio. No Estado, a cantidade ascende ás 2.417 persoas. Son datos do Informe sobre a evolución de los delitos e incidentes de odio España 2025 do Ministerio de Interior que dan conta da necesaria intervención, entre outras materias, no eido educativo.
Diante disto, a Universidade de Santiago de Compostela figura xa no listado das máis de 160 organizacións que apoian a Declaración ‘Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e á aporofobia’ lanzada por EAPN Galicia, converténdose na primeira universidade española en asinala.
Valores como como liberdade, igualdade, a inclusión, a xustiza, o pluralismo, a sustentabilidade e o compromiso ético están recollidos no seu compromiso institucional, que concordan cos promulgados na Declaración.
Unha Declaración coa margarida como símbolo
A Declaración “Tolerancia e respecto. Fronte ao discurso do odio e á aporofobia” lanzada o 18 de xuño, no Día Internacional para Contrarrestar os Discursos de Odio, xa conta con 162 asinantes. Ademais da USC súmanse organizacións do Terceiro Sector de Acción Social e resto de familias da economía social, colexios profesionais, sindicatos, organizacións empresariais e organizacións culturais, entre outros. Tamén conta co apoio dos tres grupos presentes no Parlamento de Galicia, Valedora do Pobo e a Xunta de Galicia.

O texto inspirouse nos principios da Declaración Institucional do Parlamento de Galicia, aprobada por unanimidade nesa cámara o 20 de outubro do 2020 que deixa claro que as persoas non son culpables da súa pobreza, ninguén é culpable do seu sufrimento e ningunha persoa é inútil. As persoas que sofren e denuncian esas e outras moitas mentiras ou as que afirman que “o máis perigoso dos prexuízos é cando ti mesmo os cres” non están soas.
A Declaración asinada pola USC vai acompañada do lema “Somos máis. Somos da maioría que respecta” coa margarida como símbolo identificativo. Unha flor que florece en todas partes, representación desa gran maioría da cidadanía que non odia e que defende a empatía, o coidado mutuo e os dereitos humanos.
Dende EAPN Galicia e a USC anímase a toda a cidadanía a aplicar esta insignia ante calquera indicio de odio nas redes sociais ou sistemas de mensaxería instantánea. Para facer fronte aos discursos de odio, convídase a non alimentalos contestando, e substituír os comentarios por unha margarida, icona desa gran maioría da sociedade que coma ti convive, respecta, empatiza e coida.
Compromiso compartido fronte a aporobia
No marco desta colaboración, a USC acollerá na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais o próximo 23 e 24 de setembro o II Simposio Europeo sobre Aporofobia organizado por EAPN España coa colaboración da súa rede territorial galega.
Seguindo a senda da primeira edición celebrada en Murcia, nesta segunda continuarase co obxectivo de promover políticas públicas e ferramentas lexislativas enfocadas a previr e erradicar esta problemática, tanto a nivel autonómico, estatal como europeo. Un fin este ano alentado polos avances acadados no eido xudicial, con sentencias como a ditada recentemente en Vigo ou a pioneira en Xixón. Contará coa participación de persoas expertas de distintos ámbitos, entre elas Elena Díaz Galán, relatora especial das Nacións Unidas sobre a extrema pobreza e os dereitos humanos; Miguel Ángel Aguilar García, fiscal de Sala Coordinador contra os Delitos de Odio e Discriminación da Fiscalía Xeral do Estado; e María Teresa Verdugo, autoridade independente para a Igualdade de Trato e a Non Discriminación. Participa tamén a vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar da USC, Lorena Añón, promotora da iniciativa de sumarse á declaración de EAPN Galicia.
