Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Compostela
  • Xeral

Ghaleb Jaber Ibrahim abre as Festas do Apóstolo

O Palestino Ghaleb Jaber agradeceu que a cidade o “adoptara” desde o día en que chegou

Ghalen Jaber chegando á praza do Obradoiro para o pregón

Compostela, 23/07/2026 – As Festas do Apóstolo 2026 abríronse esta noite co pregón a cargo do empresario compostelán de orixe palestina Ghaleb Jaber Ibrahim, quen dedicou as súas palabras a un municipio capaz de “facerche sitio sen preguntar de onde vés”.

Dende a balconada do Pazo de Raxoi, perante unha praza do Obradoiro onde se congregaran centos de persoas que viñeron gozar da apertura da gran festa compostelá, o pregoeiro rememorou a súa chegada a Santiago en 1970, como refuxiado, a un concello que “decidiu adoptarme” e onde se sentiu “tratado como un veciño antes mesmo de saber orientarme” polas súas rúas.

Ghaleb Jaber foi presentado no balcón pola alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, quen sinalou o carácter polifacético do pregoeiro, “unha persoa que vén do mundo dos negocios e salienta polo seu carácter humanista e a súa formación médica, alén do seu claro compromiso solidario coas reivindicacións do pobo palestino”. Para a alcaldesa, o de Ghaleb Jaber Ibrahim é un exemplo da capacidade de Santiago de Compostela de acoller veciñanza nacida en calquera lugar do mundo.

Durante o discurso, alén da rexedora, Ghaleb Jaber Ibrahim estivo acompañado pola concelleira de Festas, Pilar Lueiro; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e os portavoces dos grupos municipais e das concelleiras Non Adscritas. Tamén estivo presente unha persoa intérprete de lingua de signos, o que permitiu a tradución simultánea das palabras do orador.

Antes do inicio do discurso, o pregoeiro foi recibido no Pazo de Raxoi pola alcaldesa e a corporación local, e asinou no Libro de Honra de Santiago de Compostela.

Ghaleb Jaber Ibrahim converteu o seu pregón nunha comunicación espontánea e íntima coa veciñanza, onde apelou ao pasado histórico e mítico de Santiago de Compostela e tamén ao presente dunha cidade de acollida onde unha identidade cidadá común achega e comprende as diversas orixes persoais de cada veciña e veciño.

O pregoeiro estableceu un paralelismo entre a súa travesía desde Palestina en 1970 e a viaxe do Apóstolo Santiago. Ghaleb Jaber Ibrahim aseverou que aquel estudante de Medicina que chegou de Palestina con apenas vinte anos atopou moito máis do que esperaba en Santiago: un lar. “Eu nacín en Palestina e iso non cambiará nunca, pero hai moitos anos que Compostela decidiu adoptarme e eu nunca lle puxen resistencia”, resumiu.

Ghaleb tivo palabras moi especiais para unha riqueza de Compostela “que non aparece nas guías de viaxe” onde decote se recolle o patrimonio histórico: o patrimonio humano, “a xente”. Repasou a súa traxectoria persoal e profesional nunha cidade onde durante as últimas décadas os seus proxectos empresariais e culturais deixaron unha fonda pegada. Médico de formación, o pregoeiro é tamén xornalista e fundador do emblemático Hotel Araguaney, da fundación homónima e da produtora CTV.

Sobre esta dilatada traxectoria, o empresario reivindicou a dimensión social que acadou, amplamente recoñecida dentro e fóra de Santiago. Ghaleb Jaber Ibrahim situou na “vontade de contribuír” á súa cidade de acollida o desenvolvemento dunha Fundación que traballou por consolidar, durante máis de catro décadas, o papel de Santiago como espazo de encontro, diálogo e intercambio cultural, salientando a difusión da cultura e o mundo árabes na capital de Galicia.

O pregoeiro non quixo esquecer nas súas palabras a realidade do pobo palestino, a súa patria de orixe, outorgándolle unha voz simbólica no Pazo de Raxoi e reivindicando a importancia de coñecer outras realidades e cuestionar os prexuízos e a indiferenza ante o sufrimento noutras partes do mundo.

O discurso de apertura das Festas do Apóstolo 2026 incluíu unha reflexión sobre como Santiago de Compostela convida a veciñanza e as persoas que a visitan a vivir a vida doutro xeito, en tempos de inmediatez e aceleración. “Paga a pena perder o tempo en Santiago porque é a mellor maneira de gañalo”, considerou, pondo como exemplo “un café sen présa pola zona vella, un encontro casual cun amigo…”.

“Grazas á cidade que me abriu as portas”, rematou o pregoeiro visiblemente emocionado, convidando a todas as persoas que o escoitaban na praza do Obradoiro a “gozar das Festas como só Santiago sabe facelo, coas rúas cheas, coa música soando ata ben entrada a madrugada, cos abrazos que sempre volven nestas datas”, desexando que “quen naceu aquí goce da súa cidade, e quen chegou de fóra se sinta na casa”. “Se algo aprendín nestes máis de cincuenta anos é que Compostela non se explica; vívese”, rematou.

Post navigation

Previous: A Estrada máis cerca de Compostela
Next: Loitando contra o odio e a pobreza  desde a USC

Máis novas

compostela feiito a man 4 agosto 2026
4 minutes read
  • Axenda

Comeza o XXIII edición do Feito a Man

compostela festival c 4 agosto 2026
3 minutes read
  • Axenda

O Festival C enche Compostela

TOURO VEST VERA 1 AGOSTO 2026
2 minutes read
  • Xeral

Noites no Ulla, a edición de verán de Ulla Fest

Ponte de San Lázaro Noia
2 minutes read
  • Xeral

Noia renovará a ponte peonil de San Lázaro

compostela centro mercadprias 31 xullo 2026
6 minutes read
  • Compostela

Nova etapa en Compostela na distribución de mercadorías

frades pleno xullo 31 xullo 2026
4 minutes read
  • Frades

Frades destina 95.000 euros de fondos propios a mellora de pistas

teo pleno extraordinario sobre o concello slide 1 setembro 2025.jpeg
3 minutes read
  • Teo

Teo aproba definitivamente os cambios no PXOM

compostela demandantes de vivenda 24 outubro 2018_slide
8 minutes read
  • Xeral

Compostela xa é unha zona de mercado residencial tensionado

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2084) Ciencia (115) Comercio e empresa (662) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2787) Curtocircuito (40) Deportes (749) Economía (449) Educación (771) eleccions (44) Emprego (241) Entroido (42) Festas e Feiras (619) Festivais (835) Galego (143) Institucións (1430) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1618) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (816) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (730) Politica (942) saúde (529) Servizos (2682) sindicatos (109) Social (561) sucesos (130) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (694) Turismo (222) Universidade (582) urbanismo (264) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.