Dodro, 28/06/2026 – O Concello de Dodro desenvolveu durante o mes de xuño a campaña “Dodro con Orgullo”, unha programación de actividades impulsada con motivo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, celebrado cada 28 de xuño.
A iniciativa enmárcase no compromiso municipal coa promoción da igualdade, a diversidade e o respecto aos dereitos das persoas LGTBIQ+. Unhas accións que formaron parte do recollido no V Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de Dodro 2024-2027.
Baixo o lema “Dodro con Orgullo”, a programación combinou accións de sensibilización, actividades educativas e culturais, iniciativas de visibilización no espazo público e actos de carácter institucional dirixidos ao conxunto da veciñanza.

Educación
No ámbito educativo, o alumnado do CRA de Dodro – Padrón e do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón participou en diferentes actividades adaptadas ás distintas idades, orientadas á promoción da igualdade, ao respecto pola diversidade e á prevención de actitudes discriminatorias. Estas iniciativas permitiron achegar ao alumnado valores de convivencia, liberdade e respecto ás diferenzas desde unha perspectiva lúdica, educativa e participativa.
A programación incluíu tamén unha actividade cultural aberta á veciñanza na Casa da Cultura de Dodro, que contou cunha notable participación e que serviu como espazo de encontro, diálogo e reflexión arredor das familias, da identidade de xénero, da diversidade e da importancia de construír comunidades máis inclusivas.
Así mesmo, a Biblioteca Pública Municipal de Dodro participou na campaña cunha proposta de recomendacións literarias para todas as idades, promovendo a lectura como ferramenta de coñecemento, empatía e convivencia, e convidando a infancias, adolescencias e persoas adultas a compartir as “lecturas con orgullo”.

Visibilización
Entre as iniciativas de visibilización no espazo público destaca a creación de tres bancas coas cores da bandeira LGTBIQ+, situadas nas tres parroquias do municipio — San Xoán de Laíño, San Xián de Laíño e Santa María de Dodro —, e a rehabilitación da banca trans situada na Praza do Concello. Estas intervencións contribúen a transmitir unha mensaxe de respecto, inclusión e convivencia a toda a veciñanza.
Peche da campaña
Como peche da campaña, o Concello celebrou un acto institucional aberto á cidadanía no que participaron o Alcalde, Francisco Xabier Castro Tourís, e a Concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Relacións Veciñais, María Teresa Batalla Romero. Durante o acto reafirmouse o compromiso municipal coa igualdade de dereitos, coa defensa da diversidade e coa construción dunha sociedade libre de discriminación, ao tempo que se puxeron en valor os avances acadados e os retos que aínda persisten para garantir a plena igualdade das persoas LGTBIQ+.
A través desta campaña, o Concello de Dodro quixo contribuír á creación de espazos de diálogo, reflexión e sensibilización que favorezan o respecto á diversidade e a convivencia, lembrando que a igualdade e a inclusión son responsabilidades compartidas que se constrúen colectivamente.
Deste xeito, “Dodro con Orgullo” levou a mensaxe de respecto á diversidade aos centros educativos, aos espazos culturais, ás rúas e ás prazas do municipio, reforzando o compromiso de Dodro cunha sociedade máis xusta, diversa e inclusiva.
As actividades desenvolvidas contaron coa colaboración da Deputación da Coruña a través do Circuíto de Igualdade e da campaña #seresentir da Área de Igualdade e Dereitos Civís.
