Compostela, 20/07/2026 – As deputadas de cultura, Natividade González, e de lingua, Sol Agra, visitaron as instalacións do cine NUMAX, Compostela. O obxectivo foi coñecer de primeira man o seu funcionamento e as actividades que se desenvolven grazas ao apoio da entidade provincial.
A Deputación da Coruña aportou este ano a NUMAX 11.228 € a través do programa de subvencións a entidades sen fins de lucro apoiando a realización de actividades culturais, e o desenvolvemento do proxecto “Papel e Prata”.
A deputada de cultura sinalou que NUMAX “é un exemplo de como a cultura pode construír comunidade, crear emprego de calidade e fortalecer o noso tecido cultural desde a economía social. É un proxecto singular que combina cinema, libraría e creación cultural cunha clara vocación de servizo público e de compromiso coa lingua e coa cultura galegas”.

Natividad González engadiu que o compromiso da Deputación “é acompañar os proxectos como este que, xeran valor social, fomentan o pensamento crítico e crean oportunidades na contorna”.
Pola súa banda, a deputada de lingua afirmou que NÚMAX “demostrou ao longo dos anos que é posible desenvolver un proxecto cultural de referencia co galego como eixo principal. Ese compromiso cotián coa nosa lingua é un exemplo e un orgullo para o país”.
Agra dixo tamén que, precisamente, “a nosa lingua necesita espazos vivos, dinámicos e innovadores onde se empregue con plena normalidade, e NUMAX é un excelente exemplo”.
NUMAX
NUMAX foi constituída en 2014 en Santiago de Compostela como unha cooperativa que desenvolve distintas áreas de actividade económica: unha sala de cinema, unha libraría e un laboratorio de deseño gráfico, desenvolvemento web e posprodución de vídeo. Nos últimos 6 anos, recibiu máis de 78.000 € da Deputación da Coruña para o desenvolvemento de diferentes actividades culturais.
