Brión, 03/09/2026 – O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Brión denuncia que os cambios no Bono Concilia da Xunta prexudican a máis de douscentos nenos do concello. A medida, aseguran, causará un dano de entre 165 e 220 euros a cada familia.
Os cambios no Bono Concilia da Xunta de Galicia deixa fora da axuda aos campamentos e actividades de conciliación organizados polas administracións públicas. En Brión, 164 familias, con 213 nenas e nenos, foron admitidas este verán nas actividades municipais de conciliación, polas que aboaron un importe medio de case 220 euros, cun desembolso total de algo máis de 35.000 euros.
Excluír do bono da Xunta a estas familias supón un prexuízo de entre 165 e 220 euros por cada una delas. Deste xeito, as 164 familias solicitantes poderían deixar de percibir máis de 27.000 euros en axudas, mesmo tomando como referencia o nivel xeral do 75 %, se ben nalgúns casos a axuda podería chegar ao 100 % do custo da actividade.
A decisión confirmouse no Diario Oficial de Galiza do martes, 1 de setembro, coa publicación da modificación retroactiva das condicións do Bono Concilia, que este ano só subvencionará as actividades organizadas por entidades privadas.
O BNG de Brión considera “especialmente grave” que a Xunta anuncie estes cambios cando as familias xa contrataron, pagaron e utilizaron as actividades de conciliación. “As familias de Brión que optaron por actividades de conciliación públicas, en lugar de privadas, vense agora desprezadas e marxinadas pola Xunta de Galiza”, incide o Bloque.
Os nacionalistas lembran tamén que xa alertaron desta situación o pasado 7 de agosto, cando tiveron as primeiras informacións sobre a posibilidade de que as actividades municipais quedasen excluídas do Bono Concilia.
Segundo o BNG “Advertimos desta situación cando aínda había marxe para actuar, pero non nos consta que nin Concello de Brión, nin tampouco ningún goberno local con presenza do PP fixese xestión ningunha para defender os intereses das familias” sinalan.
Neste sentido, o BNG cuestiona a inacción do goberno local brionés, “que reiteradamente se gaba das magníficas relacións” coa Xunta de Alfonso Rueda. “Se esas relacións son tan boas, resulta difícil entender que o Concello non movese un só dedo para evitar que as familias de Brión quedasen excluídas dunha axuda da Xunta”.
