Compostela, 10/09/2026 – A Fundación DIDAC e o concello de Santiago impulsan os encontros “Debaixo do lavadoiro había un anillo d´ouro”. A fotografía contemporánea é o eixe central dun proxecto situado no barrio de Sar.
A proposta está guiada polo artista Sergio Marey e desenvólvese en cinco sesións desde hoxe mesmo e ata o 3 de outubro, con inscrición de balde ata completar a capacidade. Todo o material recompilado durante o proceso converterase posteriormente nunha instalación artística colectiva.
“Debaixo do lavadoiro había un anillo d´ouro” ten como obxectivo o achegamento ao territorio desde a fotografía como ferramenta para observar, investigar e activar a memoria colectiva. Partindo do lavadoiro de Picaños e dos espazos que o rodean, as persoas participantes irán recuperando imaxes, paisaxes, relatos e recordos que forman parte da historia do lugar e das persoas que o habitaron e o habitan.
Ao longo dos encontros percorrerase o barrio de Sar, para conversar coas súas xentes e explorar diferentes formas de mirar e representar o barrio. A fotografía será un punto de partida para descubrir aquelas historias, detalles e memorias que ás veces permanecen agochadas, pero que forman parte da identidade dun lugar..

Inscricións
A participación na actividade é gratuíta previa reserva no correo electrónico info@didac.gal , ata completar a capacidade. O lugar de encontro para as sesións é o Centro Sociocultural de Sar (na rúa da Ponte do Sar, 43) coas seguintes datas: xoves 10, mércores 23 e mércores 30 de setembro ás 18.00 horas; xoves 1 de outubro ás 16.30 e sábado 3 ás 18.00 horas.

Sergio Marey
Sergio Marey é artista visual e performer. Comeza a súa formación na música tradicional formando parte de diferentes grupos como Cantareiras de Pol ou Gaia Pandereiteiros. Titulado en Deseño de Moda realiza un Máster en Deseño e Confección de Bolsos no Instituto Europeo de Design (IED) en Madrid.
É coorganizador da Feira de Fanzines e Autoedición Vaia Vaia de Lugo e das Residencias Ao Caraño! en Pol (Lugo). O seu traballo como xestor cultural na Galería Solaina de Lugo convérteo nunha das persoas mais activas do panorama galego actual. Vén de participar nas Residencias REGA da Cidade da Cultura e entre as súas últimas exposicións destaca o proxecto realizado na Fundación Eugenio Granell. Recibiu o Premio Auditorio de Galicia de Artistas Noveis.

