Compostela, 17/07/2026 – O desenvolvemento de novos fármacos é un proceso longo e complexo. A galega Celtarys, radicada en Compostela, ven de presentar unha tecnoloxía que reduciría o tempo necesario, substituíndo sustancias radioactivas por solucións máis accesibles, sustentables e utilizables en calquera laboratorio.
Actualmente, gran parte dos ensaios en fase preclínica dependen de compostos radioactivos, o que obriga a traballar en instalacións especializadas ou a externalizar procesos, encarecendo e retardando o desenvolvemento de novos fármacos.
A proposta presentada en Santiago por Celtarys permite realizar estes ensaios en laboratorios convencionais, con maior flexibilidade, control e capacidade de iteración. Wilson Gomes, Conselleiro Delegado de Celtarys, explica que “Estamos a atacar o problema desde a raíz: se melloras a fase preclínica, aumentas as probabilidades de éxito nas fases clínicas, que son as máis custosas”.
Gomes cifrou en 2.000 millóns de euros o investimento que require o desenvolvemento dun novo fármaco e dez anos de investigación rematando, no 90% dos casos, en fracaso.
Máis rápido, máis barato e máis seguro
A tecnoloxía desenvolvida por Celtarys permite reducir até un 80% os custos e acurtar os tempos en fase preclínica. O seu enfoque baséase nun sistema modular que optimiza o deseño de ligandos fluorescentes adaptados a cada diana terapéutica.
Estas ferramentas son compatibles con células vivas e eliminan os riscos asociados ao uso de radioactividade, o que supón un avance tanto científico como operativo para os equipos de investigación.
Na rolda de prensa presentouse o kit que xa comercializa Celtarys “pasando dunha ferramenta a unha solución completa” e que inclúe todos os compoñentes necesarios para que o investigador poida executar o seu ensaio cun protocolo seguro. “o que antes requiría semanas ou meses agora poden facelo no mesmo día” asegurou o Conselleiro Delegado de Celtarys.
Celtarys
Nada en Galicia como unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, e co apoio do programa Ignicia Proba Concepto da Xunta de Galicia, Celtarys xa traballa con máis de 40 clientes en 14 países, incluíndo Europa, Estados Unidos e Asia, e estableceu colaboracións relevantes con compañías multinacionais biotecnológicas.
Desde a súa creación, a empresa captou máis de 2 millóns de euros en financiamento público competitiva, a través de programas como NEOTEC e EIC Pathfinder, e atópase en fase de crecemento co obxectivo de escalar a súa tecnoloxía a nivel global.
Ademais do Conselleiro Delegado da compañía, na rolda de prensa participaron a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo; e o vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento da USC, Marcelo Maneiro.
Carmen Cotelo, puxo a Celtarys de exemplo de caso de éxito de transferencia de coñecemento ao mercado a través do programa Ignicia, que posibilitou a creación de 13 spin-offs a partir de resultados de investigación, logrando impacto económico, talento cualificado e proxección internacional. Tamén destacou que empresas como Celtarys contribúen a situar a Galicia como un referente a nivel internacional no ámbito da biotecnoloxía.
Pola súa banda, o vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento da USC, Marcelo Maneiro, asegurou que spin-offs como Celtarys constitúen para a USC “unha ferramenta que favorece a posta en valor dos resultados de investigación, impulsan o emprendimiento innovador e contribúen ao desenvolvemento económico e creación de emprego cualificado en Galicia”. Na actualidade, a USC participa en máis de 30 spin-offs creadas cunha valoración agregada de aproximadamente 47 millóns de euros.
Aplicación en enfermidades complexas
As solucións de Celtarys teñen aplicación directa en áreas como a oncoloxía e outras enfermidades complexas, onde a mellora da precisión en fases temperás do descubrimento é clave para o desenvolvemento de novos tratamentos.
A compañía continúa avanzando en novas aplicacións da súa tecnoloxía co obxectivo de acelerar e mellorar a transición da investigación científica ao desenvolvemento de terapias reais.
“Cada vez que axudamos a un investigador a traballar máis rápido, aceleramos a chegada dun novo medicamento a pacientes que o necesitan”, apuntou Wilson Gomes durante a súa intervención.
