Imaxe do IES que será reformado
Ames, 08/09/2026 – Non hai curso en Ames que non comece con polémica. Cando non son os comedores de algún centro é algunha reunión que abre o debate. En este caso o malestar da comunidade escolar do IESP de Ames é polo cambio de horarios.
Este cambio de horario lectivo foi autorizado polo Departamento Territorial de la Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional o pasado 25 de agosto. Agora as familias do centro veñen de presentar un recurso de alzada polo xeito no que foi aprobado no Consello Escolar.
A lexislación
O recurso preséntase cuestionando o cumprimento dos requisitos que esixe a lei para aprobar e modificar o horario lectivo. As familias do IESP de Ames explican que na votación celebrada no Consello Escolar do 27 de abril pasado, o cambio de horario obtivo 7 votos a favor dos 13 posibles.
A instrución da Xefatura territorial da Coruña, que regula este tipo de modificacións, establece como requisito que a maioría necesaria alcance os tres quintos dos membros. No IESP de Ames serían precisos, en termos matemáticos, 7,8 votos para cumprir esta norma polo que as familias consideran que non chega con 7 e serían precisos como mínimo 8 para a aprobación do cambio de horarios.
Os representantes da comunidade escolar non entenden como se pode aprobar un novo horario que foi desestimado nunha reunión anterior do Consello escolar. No recurso as familias do IES de Ames engaden que hai tamén que revisar os prazos nos que se fixo a modificación horaria xa que poderían non axustarse á lei.

Falta de información
Os representantes das familias do IESP de Ames denuncian ademais que non recibiron a resolución do 25 de agosto pese a tela reclamado. A ANPA tivo coñecemento do cambio o día 31 de agosto por un comunicado emitido desde a dirección do centro, seis días despois de que se dera a resolución.
Demandan o expediente completo para coñecer cales foron os argumentos aportados para ditar a resolución e poder exercer con garantías os seus dereitos. Reclaman que Educación revise e revoque o cambio horario xa ue o procedemento seguido está en cuestión.

Cuestións a aclarar
As familias do IESP de Ames solicitan que se determine si o acordo do Consello escolar alcanzou a maioría cualificada; se os sete votos favorables foron suficientes para aprobar a modificación; se se cumpriron os prazos tanto na votación como na tramitación; se o expediente administrativo contén todos os documentos e acordos necesarios e se as persoas que representan ás familias tiveron acceso efectivo á información necesaria para garantir os seus dereitos.
Un procedemento legal
As familias do IESP de Ames piden que de xeito cautelar se suspenda o novo horario. Destacan que “non cuestionan o debate sobre o horario, cuestionan que se poda tomar a decisión sen cumprir as regras”. As familias cren que o problema vai máis alá do IESP de Ames xa que si a normativa esixe unha maioría cualificada esa debe cumprirse; do mesmo xeito si hai uns prazos para a toma de decisións hai que adaptarse a eles. .

