Compostela, 5 de marzo do 2018 – A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) abre hoxe as súas novas instalacións no Hospital Clínico de Santiago.
O novo local da Axencia de Doazón substitúe ao actual punto que ADOS ten na súa sede no Monte da Condesa. A Axencia quere salientar a colaboración brindada desde a xerencia de Xestión Integrada de Santiago para favorecer a participación dos cidadáns nas campañas de doazón, xa que as novas instalacións atoparanse nunha localización preferente, accesible e de máxima visibilidade.
O novo local de ADOS, que está na entrada principal do Hospital Clínico, conta cunha superficie de preto de 70 m² e supón unha notable mellora no servizo de atención permanente aos doadores e doadoras da bisbarra santiaguesa. As novas instalacións disporán de despacho médico, sala de hemodoazón; con cinco postos de doazón e na que será posible doar do xeito convencional e polo sistema de aférese, e zona de refrixerio.
ADOS quere ofrecer un espazo renovado e axeitado ás necesidades dos cidadáns, así como achegar este xesto solidario a todos os profesionais, usuarios e usuarias e familiares de doentes que diariamente visitan o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Para iso, o novo local ofrecerá un amplo horario de atención nas súas novas instalacións que permanecerán abertas, de xeito ininterrompido, das 08:00 ás 22:00 horas de luns a venres e os sábados das 08:00 ás 15:00 horas. Salientar que co obxectivo de facilitar o acceso dos cidadáns que acudan a doar nos seus vehículos, entregaranse vales de aparcamento.
Elevada participación
A dirección de ADOS desexa salientar o seu agradecemento a todos os doadores e doadoras de Santiago, pola súa elevada participación. Ademais, salientar que o local da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue en Santiago rexistra ao redor de 3.700 doazóns anuais, cifra que salienta a importancia da colaboración solidaria dos cidadáns neste punto.
Así mesmo, desde ADOS amosar o seu recoñecemento á dirección da Xerencia Integrada de Santiago pola súa colaboración e compromiso co solidario xesto da doazón e por todas as facilidades amosadas para a posta en funcionamento do que será o novo espazo de referencia para todos os doadores e doadoras da bisbarra santiaguesa.